GALICIA CONTA CON MAIOR PORCENTAXE DE AUGAS DE BAÑO DE CALIDADE EXCELENTE QUE A MEDIA DE ESPAÑA E DA UNIÓN EUROPEA

O informe do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño correspondente á tempada 2024 indica que Galicia conta cunha porcentaxe maior de augas de baño marítimas e continentais de calidade excelente que o conxunto de España e da Unión Europea.
Na reunión semanal do Consello da Xunta, a Consellería de Sanidade presentou un informe cos datos relativos á pasada tempada, en que en Galicia un 90,4 % das augas analizadas oficialmente obtiveron a cualificación de excelente, fronte ao 87,6 % da media nacional e ao 85,1 % da Unión Europea.
Ademais, a Comunidade galega tamén obtivo a menor porcentaxe de augas de calidade insuficiente. Mentres que en Galicia a cifra foi do 1 %, a media do Estado é do 1,7 % e na Unión Europea, do 1,6 %.
En suma, o informe da Consellería de Sanidade reflicte que o 97 % das zonas do rexistro de augas de baño de Galicia ten unha clasificación sanitaria de excelente ou boa.
O pasado ano analizáronse 502 zonas de año en 519 puntos de mostraxe que se encontran en 117 concellos, isto é, 4 zonas de baño máis que a tempada anterior.
Incorporáronse a praia da Cabana, en Ferrol, con calidade excelente; a de Area da Vila, en Camariñas, tamén con calidade excelente; a de Peralto, en Boiro, con calidade suficiente; e, por primeira vez, a zona de baño do Parrote, na Coruña, con calidade excelente.
Identificáronse 19 verteduras durante a tempada de baño 2024 e todas foron comunicadas aos concellos e organismos de bacía para a adopción das medidas oportunas. No 95 % dos casos recibiuse resposta das actuacións realizadas.
A vixilancia sanitaria tivo lugar no 97,7 % dos puntos de mostraxe censados, xa que houbo dúas zonas de baño inaccesibles. Polo tanto, foron retiradas do rexistro e controis periódicos para a tempada 2025 as praias de Sacido, en Viveiro; e San Bartolo, en Barreiros, por levar varios anos co acceso pechado e ser inaccesibles.
Por outro lado, pasaron a formar parte do rexistro de augas de baño en avaliación o río Madalena, en Vilalba; a praia de Celeiro, en Viveiro; o río Nocedo, en Castrelo do Val; o río Bubal-Vilaza, en Monterrei; e o río Miño-Eiras, río Tamuxe-Muíño das Aceñas e río Tamuxe-Tamuxe, no Rosal.
Os concellos de Vilalba, Castrelo do Val, Monterrei e O Rosal, todos de auga continental, nunca antes contaran con zonas de baño rexistradas e agora serán analizadas durante 2 anos antes de confirmar a súa inclusión no censo oficial, que remite a súa información ao Goberno central e á Unión Europea.
Análises previas á tempada 2025
Galicia é a comunidade autónoma con máis praias censadas de toda España, cun 24,7 % do total. Antes de dar comezo á tempada de baño en xuño, a Dirección Xeral de Saúde Pública está a realizar mostraxes previas ao inicio dos controis regulares durante o mes de maio.
A Xunta destina 180.147 euros cada ano á recollida das augas de baño. Do 1 de xuño ao 30 de setembro realízanse controis quincenais e as mostras son analizadas no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia que a Consellería de Sanidade ten en Lugo.
Deste xeito, recóllense en total 10 mostras de cada auga de baño: unha antes do inicio da tempada e as nove restantes ao longo da tempada.
Paralelamente, lévase a cabo a vixilancia sanitaria por parte do corpo de Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública de todas estas zonas de baño, que realizan unha visita de inspección polo menos unha vez na tempada co fin de avaliar o estado da auga de baño; se existen residuos na praia ou na auga; se existe algún tipo de vertedura, ou se está dispoñible e accesible a información ao público. Tamén se realizan visitas de inspección cando existen episodios curtos de contaminación, denuncias ou reclamacións.
O informe analizado hoxe no Consello da Xunta inclúe un adianto da tempada de baño 2025. Antes do seu inicio, o Diario Oficial de Galicia publicará a lista completa de zonas de augas de baño que compoñen a sección I do Rexistro, que inclúe como novidades a área recreativa de Brocos, no encoro de Portodemouros, no municipio de Agolada, e o río Támega-Tamicelas, en Laza.
Toda a información está á disposición da cidadanía na web do Observatorio de Saúde Pública de Galicia.
Prevención de riscos para a saúde
Nas mostras de auga analízanse os parámetros microbiolóxicos enterococos intestinais e escherichia coli. Ao final da tempada, cos resultados obtidos calcúlase a clasificación sanitaria de cada auga de baño mediante o sistema descrito na directiva europea correspondente.
Tamén se leva a cabo, en coordinación coas administracións competentes, a xestión do risco para a saúde derivado da exposición ás cianobacterias e ás súas toxinas nos encoros con augas de baño, seguindo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde.
Na tempada de baño 2024 detectouse a proliferación masiva de cianobacterias, potenciais xeradoras de toxinas, na auga de baño de Portoquintela, no encoro das Conchas; na auga de baño da área recreativa de Brocos, no encoro de Portodemouros; e no regato que desemboca na praia de Vilarrube, en Valdoviño. Recomendouse absterse do baño e de realizar actividades acuáticas cando se detectou toxina no encoro ou un volume de cianobacterias superior aos límites estipulados.
A vixilancia realizada pola Consellería de Sanidade é importante porque o uso recreativo das augas de baño pode ter perigos e riscos para a saúde. A contaminación bacteriana pode provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias nas persoas que se bañen en augas contaminadas. Aínda que estas enfermidades raramente son graves, o número de persoas expostas pode ser elevado debido á importante afluencia que rexistran praias, ríos ou lagoas.