Pasar al contenido principal

GÓMEZ CAAMAÑO AVANZA QUE A PARTIR DO VINDEIRO LUNS SE AMPLIARÁ ATA OS 21 ANOS A VACINA CONTRA O PAPILOMA HUMANO CO FIN DE INMUNIZAR 24.500 VARÓNS

Imaxe
20250520_Comparecencia_Parlamento_vacinación_VPH_20250520110545.jpeg

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe que desde o vindeiro luns, 26 de maio, a Xunta vai ampliar ata os 21 anos a vacinación fronte ao virus do papiloma humano (VPH) co obxectivo de inmunizar 24.500 mozos varóns. 

Na súa comparecencia a petición propia no Pleno do Parlamento para informar da ampliación do calendario vacinal e a súa efectividade, Gómez Caamaño puxo en valor a importante aposta do Goberno galego polas políticas de saúde pública e a prevención de enfermidades. Así, destacou que Galicia conta co calendario de vacinación máis completo do mundo grazas á continua incorporación de novas vacinas e á ampliación da poboación diana.

Nese marco, explicou que Galicia vai reforzar agora a estratexia de inmunización fronte ao virus do papiloma humano para os varóns nados no 2004 e no 2005, elevando ata os 21 anos unha vacina que xa desde 2024 se estaba a administrar aos rapaces varóns de ata 18 anos. 

O titular de Sanidade adiantou o lanzamento dunha campaña de difusión en medios de comunicación que, sumada á información facilitada polos profesionais da sanidade pública, servirá para trasladar a conveniencia de vacinarse contra o VPH.

Lembrou que a Xunta ofrece desde 2008, no caso das nenas, e desde 2022 en nenos, a vacina fronte ao virus do papiloma humano ao cumpriren os 12 anos. “Conscientes da súa efectividade –incidiu- en setembro de 2024 anticipámonos en varios meses ás recomendacións da Comisión nacional de Saúde Pública e ampliamos a vacinación a todos os nenos ata 18 anos”. Unha vacinación que agora, dixo, “ampliamos de novo, elevándoa ata os 21 anos”.

Actualmente, a porcentaxe de adherencia a esta vacina en nenas está preto do 100 %, en nadas desde 2006 a 2010. No caso dos nenos, a cohorte de 2010 chega a unha cobertura próxima ao 93 %.

Facilidades á vacinación antigripal infantil

O conselleiro de Sanidade detallou, como novidades da próxima campaña da gripe, que a vacinación se ampliará ata os 11 anos, administrando ata esa idade a vacina intranasal que o pasado ano se incorporou á inmunización infantil para evitar o pinchazo. Ademais, a Xunta porá en marcha un proxecto piloto para administrar esa vacina nos centros educativos.

“O noso obxectivo é aumentar a accesibilidade, facilitando a conciliación familiar, así como a equidade”, sinalou. Así, en colaboración coa Consellería de Educación, e coa autorización previa das familias, un equipo de enfermería desprazarase aos centros educativos para a vacinación.

A Xunta levará este proxecto piloto a aproximadamente 19.200 escolares de educación infantil (3 a 5 anos) e primaria (6 a 11 anos) no curso 2025-26, que se corresponden cos nados entre o ano 2014 e o 2022. 

Gómez Caamaño indicou que a vacina da gripe intranasal foi introducida na última campaña para os nenos de 24 a 59 meses co obxectivo de mellorar as taxas de cobertura, acadándose un incremento de 10 puntos respecto da campaña previa, chegando ao 65,78 %.

Con esta nova ampliación, na próxima campaña o total de potenciais beneficiarios aumenta en case 150.000 rapaces, acadando os 216.000. Tal e como detallou o conselleiro na súa intervención, o investimento previsto para esta acción ascende a aproximadamente 2.350.000 euros, o que representa un incremento de 1,1 millóns de euros respecto á tempada anterior.

Vacina de alta carga desde os 70 anos

Gómez Caamaño aludiu na súa intervención ao ensaio clínico Galflu para avaliar a efectividade da vacina reforzada de alta carga fronte á gripe. Indicou que neste estudo participaron máis de 134.000 persoas en dúas tempadas. 

Nesta liña, o conselleiro avanzou a decisión da Xunta de ampliar o rango de idade da vacina de alta carga, ampliando a súa aplicación desde os 70 aos 79 anos xa na vindeira campaña. 


Este ensaio forma parte dunha estratexia da Saúde Pública baseada na investigación traslacional, é dicir, a aplicación dos resultados obtidos nos estudos de investigación ás decisións en xestión e estratexias de inmunización.

Deste xeito, a poboación inmunizada coa vacina reforzada incrementarase en 220.000 persoas, ata acadar as 540.000. Isto suporá un aumento de 1,1 millóns de euros con respecto a 2024 en canto a investimento. 

Ademais das ampliacións das vacinas xa referidas, o titular da Consellería de Sanidade adiantou que tamén neste 2025 Galicia introducirá, de xeito pioneiro en España, a inmunización fronte ao gonococo en menores de 65 anos de alto risco, grazas á vacina contra a meninxite B; e a vacina fronte ao dengue no programa de viaxeiros, en determinadas situacións de risco e segundo distintos factores, como o destino da viaxe, as actividades que se realicen, duración, percorrido, etc. 

Exemplo mundial

Gómez Caamaño explicou que a adquisición das vacinas de alta carga da próxima campaña da gripe se realizará a través dun acordo de risco compartido baseado en resultados en saúde, un modelo de adquisición de terapias de inmunización pioneiro a nivel mundial. Así, os prezos non só dependerán das unidades adquiridas, senón tamén dos resultados reais da efectividade nas persoas.

Referiuse, ademais, a que Galicia xa ten bagaxe como referente mundial en políticas de saúde pública xa que Chile ou os Países Baixos seguiron o modelo galego de inmunización contra o virus respiratorio sincitial (VRS). O estudo Nirsegal permitiu demostrar que a inmunización contra a bronquiolite ten unha efectividade do 82 % para reducir hospitalizacións. En Galicia, nos tres primeiros meses da súa posta en marcha en 2023, evitou máis de 400 ingresos en lactantes de menos de 6 meses.

“A introdución desta terapia de inmunización buscaba frear unha enfermidades que era unha das causas máis frecuentes de hospitalización en lactantes e vaia se o conseguimos”, remarcou Gómez Caamaño. 

Gómez Caamaño aludiu á aposta da Xunta pola vacinación: “o orzamento que destinamos a esta materia acada os 41 millóns de euros neste 2025”, sinalou, incidindo en que esta aposta se incrementou especialmente nos últimos anos. “Desde 2022 ata hoxe, en só tres anos, o investimento da Xunta medrou nun 116 %”, asegurou. 

O conselleiro de Sanidade quixo agradecer á cidadanía galega a súa concienciación en materia de prevención e a súa resposta ante as campañas da Xunta.  Lembrou, nesta liña, que Galicia acada as taxas máis altas do Estado en cobertura vacinal, con máis de 10 puntos por riba da media nacional no caso da antigripal en maiores de 70 anos.