Pasar al contenido principal

A XUNTA ACTIVA A ALERTA POR EPISODIO DE CALOR NO SUR DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Imaxe
20250731_Vagas_calor_20250802132255.jpg

No marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, actívase a alerta nivel 1 por episodio de calor no sur da provincia de Pontevedra, concretamente nas zonas isoclimáticas do Litoral e do Miño de Pontevedra. 

Ao longo dos próximos días esta situación de alerta estenderase, probablemente, tanto en intensidade coma en duración a outras zonas de Galicia.

Meteogalicia informa que as altas presións continúan e irán achegando a partir de mañá domingo unha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana que ocasionará un importante incremento das temperaturas, especialmente dos valores máximos. 

Hoxe sábado a situación de elevadas temperaturas quedará aínda restrinxida a puntos do sur, pero tenderá a xeneralizarse a partir de mañá domingo, ao mesmo tempo que o vento tenderá a amainar, o que aumentará a sensación térmica de calor.

As temperaturas máximas moveranse en moitos puntos de Galicia a partir de mañá domingo entre os 35ºC e os 40ºC, quedando fóra desta situación soamente o norte de Lugo e o norte da Coruña. Mentres, as mínimas serán tamén elevadas en puntos de Pontevedra, onde poderán darse noites tropicais. No interior as madrugadas serán algo máis suaves.

Este episodio prolongarase nos primeiros días da vindeira semana, polo menos ata o mércores, aínda que nalgunhas zonas podería prolongarse ata o xoves.

Na web de Meteogalicia atópase a información actualizada, así como a evolución temporal, premendo sobre o nome de cada zona:

http://www.meteogalicia.gal/web/predicion/calor

O Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, está dispoñible na ligazón:

https://airesaude.sergas.gal/Contidos/CC_Recomend_calor?idioma=ga​ 

Recomendacións xerais para a poboación

Os principais grupos de risco ante os efectos da calor son: persoas maiores de 65 anos e nenos menores de 4 anos, sobre todo os menores dun ano; persoas que padecen patoloxías: enfermidades cardiovasculares (enfermidade cerebrovascular, insuficiencia cardíaca, arteriopatía periférica), diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, enfermidade de párkinson, enfermidade de Aazheimer ou patoloxías similares, enfermidade psiquiátrica; persoas que tomen determinados fármacos ou tóxicos: fármacos con efecto anticolinérxico, diuréticos, consumo importante de alcol, etc.; e persoas en determinadas situacións: maiores que viven sós, persoas de risco que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas que pasan varias horas en exteriores, etc.

A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas; usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire; permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; durante o día baixar as persianas e abrir as xanelas, abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.

No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.

Mentres chega a asistencia, pódese tentar baixar a temperatura do afectado trasladándoo á sombra ou a un lugar fresco e tranquilo, arrefriarlle o corpo, mollar con auga fresca e abanar e hidratar sempre que estea consciente, dándolle pequenos grolos de auga fresca ou bebidas minerais. 

Se está inconsciente, cómpre deixalo de lado coas pernas flexionadas e non ofrecerlle líquidos.