Pasar al contenido principal

A XUNTA PUBLICA A ORDE POLA QUE SE CONVOCAN AXUDAS PARA PROXECTOS DE SAÚDE PÚBLICA NO CAMPO DO VIH/SIDA E OUTRAS INFECCIÓNS DE TRANSMISIÓN SEXUAL

Imaxe
DOG_para_web_20250820105212.jpg

O Diario Oficial de Galicia​ publica, na súa edición de hoxe, unha orde da Consellería de Sanidade pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados na nosa comunidade por entidades privadas sin ánimo de lucro. A tal fin, o Goberno galego destinará 990.426 euros. 

A Consellería de Sanidade publica esta orde de axudas desde o ano 1995 e incrementa o seu importe con respecto a anteriores convocatorias. Deste xeito, coa orde actual auméntase a contía en preto de 90.000 euros con respecto da anterior. Tamén se amplía ata 12 o número de proxectos que se poderán subvencionar.

A infección polo virus de inmunodeficiencia humana (VIH) e a síndrome de inmunodeficiencia adquirida (sida) constitúen un problema sociosanitario de primeira magnitude a nivel mundial. En Galicia rexistráronse melloras nos últimos anos, pero é preciso continuar co impulso das accións de saúde pública encamiñadas a facer fronte a este problema.

O programa de axudas está destinado a apoiar proxectos de entidades privadas sen ánimo de lucro que participan, xunto coa Consellería de Sanidade, no esforzo global antiVIH/sida. Trátase de  proxectos dirixidos a colectivos vulnerables, principalmente, persoas mozas, colectivo LGTBI ou persoas na contorna da prostitución, entre outras.

Diagnóstico e tratamento precoces

O financiamento dos proxectos subvencionados favorece o achegamento aos servizos sanitarios e sociais públicos das persoas con prácticas de risco para a transmisión do VIH e doutras infeccións de transmisión sexual e que teñen dificultades de acceso a estes servizos. 

Este achegamento posibilita o diagnóstico e tratamento precoces, o que redunda nunha maior calidade e esperanza de vida das persoas afectadas, na redución dos custos sanitarios do tratamento e seguimento médico destas persoas e, ademais, no mellor control do posible espallamento destas infeccións na sociedade galega. 

As entidades privadas sen ánimo de lucro colaboran coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade participando na difusión de información preventiva do VIH e outras infeccións de transmisión sexual; na promoción do uso do preservativo mediante a súa distribución gratuíta; en actividades para favorecer o acceso ao sistema sanitario e social das persoas con VIH en situación de marxinación social; na información e realización das probas rápidas e anónimas de VIH, ou en actividades sociosanitarias como a atención a domicilio, atención ás persoas coidadoras, etc.

En Galicia rexistráronse 3.385 casos de persoas infectadas polo VIH entre os anos 2004 e 2023, cunha media de 169 infeccións anuais, o que representa unha incidencia anual de 6,15 casos por 100.000 habitantes (por debaixo da incidencia do conxunto de comunidades autónomas, que foi de 9,6 casos).

A partir de 2012 en Galicia obsérvase unha clara diminución de casos de infección. En 2023, concretamente, o número de casos novos por 100.000 habitantes caeu ata os 4,3 mentres que no conxunto de España foi de 7,4.

Con esta orde de axudas, o Goberno galego incide no seu compromiso coa eliminación do VIH no ano 2030 e tamén coa mellora da calidade de vida dos pacientes.