A XUNTA PUBLICA NO DIARIO OFICIAL DE GALICIA AXUDAS POR IMPORTE DE 2,1 M€ DESTINADAS A PROXECTOS DE PREVENCIÓN DE CONDUTAS ADICTIVAS

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a orde da Consellería de Sanidade para a concesión das axudas por importe de 2.130.000 euros destinadas ao cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas que se desenvolvan ata o ano 2028 promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido da prevención.
Con estas axudas de carácter trienal, que se incrementan nun 4,4 % respecto da convocatoria anterior (2022-2025), a Xunta reforza o apoio a entidades sociais que loitan contra as adicións.
A orde que regula as axudas establece o proceso de solicitude, as entidades que poden solicitar os incentivos, os criterios de valoración dos proxectos presentados, as actividades que se poden desenvolver, o período de realización e os gastos que teñen carácter subvencionable.
As actividades que financia a Xunta permiten potenciar factores de protección fronte ás adiccións, promover estilos de vida saudables e tempo libre positivo entre a mocidade, apoiar as familias, educadores e colectivos como axentes de saúde e detectar e achegar ás redes asistenciais persoas en situación de exclusión.
Tamén posibilita o descubrimento de poboacións de persoas consumidoras de substancias psicoactivas que viven á marxe do sistema sanitario e de protección social e o seu achegamento a eles, así como reforzar o traballo en rede entre entidades e institucións.
O carácter trienal destas axudas permite desenvolver intervencións sostidas no tempo, máis eficaces, promovendo unha maior estabilidade nos equipos humanos que as levan a cabo.
Estas axudas enmárcase dentro do conxunto de actividades que a Consellería de Sanidade desenvolve no marco da planificación estratéxica sobre prevención de condutas adictivas, que inclúen tanto actuacións preventivas como de redución de riscos e diminución de danos, así como medidas lexislativas e de vixilancia da normativa vixente en materia de condutas adictivas.
Esta convocatoria complementa outras accións promovidas pola Consellería de Sanidade como o Plan Inspira Saúde en Galicia 2023-2027, de actuación multidisciplinar en tabaquismo, o Plan de prevención de trastornos adictivos ou a Rede galega de espazos sen fume.
As axudas, ademais, están en liña co proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas aprobado pola Xunta.
Máis de 30 anos de traballo
A Xunta é unha administración sensible ao problema xerado polo consumo de substancias adictivas e vén traballando neste eido desde hai máis de 30 anos. No ano 1986 naceu o Plan autonómico sobre drogodependencias, co obxectivo de reordenar e vertebrar a loita contra as substancias psicoactivas.
Na actualidade establécese, entre os obxectivos que se pretende acadar, a promoción e o desenvolvemento da prevención das adiccións sen substancia, como o xogo patolóxico, pero explorando tamén outros potenciais como poden ser os videoxogos, pantallas, redes ou pornografía, problemas estes que deberán recibir maior protagonismo nas actividades preventivas nos próximos anos.
As tres substancias máis consumidas pola poboación galega son as bebidas alcohólicas, o tabaco e o cannabis. Así, o 63,5 %, o 33,9 % e o 10,5 %, respectivamente, da poboación galega de 15 a 64 anos consumiu as ditas substancias nos últimos 30 días.