Pasar al contenido principal

A XUNTA INMUNIZA NOS HOSPITAIS OS PRIMEIROS BEBÉS DA CAMPAÑA FRONTE AO VIRUS RESPIRATORIO SINCITIAL, CO OBXECTIVO DE REDUCIR OS INGRESOS DE LACTANTES

Imaxe
20250922_Arranque_campaña_VRS_20250922140337.jpeg

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, comezou hoxe unha nova campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), que permite previr as hospitalizacións por este virus nos lactantes.

Esta protección introduciuse en Galicia de modo pioneiro no 2023, reducindo as hospitalizacións en máis do 90 % por esta infección nos nenos e nenas inmunizadas.

Así, hoxe día 22 administrouse aos primeiros bebés nados en hospitais públicos ou privados. Continuarase con todos os bebés ata o fin da campaña en marzo de 2026. 

Este luns tamén se comezou a citar bebés prematuros menores de 12 meses e lactantes con alto risco de enfermidade grave por este virus que sexan menores de 24 meses.

A continuación, a partir do luns 29 de setembro, a Consellería de Sanidade convocará de forma activa os menores de seis meses que naceron fóra da campaña, é dicir, entre o 1 de abril e o 21 de setembro de 2025.

A inmunización fronte ao virus que causa a bronquiolite foi administrada a 12.719 nenas e nenos na pasada temporada. Isto representa o 100 % de bebés con factores de risco, o 91,74 % no caso dos recaptados en 2024 e o 98,27 % dos bebés nados durante a última campaña.