O ESTUDO DE SAÚDE DA POBOACIÓN XITANA SINALA QUE 6 DE CADA 10 PERSOAS DO COLECTIVO PERCIBEN A SÚA SAÚDE COMO BOA OU MOI BOA

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou que o estudo de saúde da poboación xitana, realizado pola Fundación Secretariado Xitano en colaboración coa Consellería de Sanidade, sinala que 6 de cada 10 persoas do colectivo perciben a súa saúde como boa ou moi boa.
Así o trasladou durante a inauguración da Xornada de promoción da saúde na poboación xitana celebrada esta mañá no edificio administrativo de San Lázaro.
Gómez Caamaño puxo de relevancia datos que, en comparación coa última enquisa dispoñible, que presentan melloras. Así aínda que as doenzas crónicas seguen sendo frecuentes (como a hipertensión, as alerxias ou as xaquecas), a súa prevalencia descende con respecto ao ano 2014.
En concreto, descende a prevalencia do colesterol (do 20 ao 10 %); mellora a prevención e o control da diabetes (do 11,2 % ao 5,3 % en homes e do 14,5 % ao 7, 9 % en mulleres); baixan os indicadores referidos á depresión e tamén en patoloxías bucodentais nas que, por exemplo, a presenza de caries se reduce de forma significativa, especialmente en mulleres.
Doutra banda, o estudo reflicte a necesidade de reforzar a saúde sexual e a participación en programas de cribado de cancro deste colectivo e, no caso das mulleres, de insistir na importancia de realizar revisións xinecolóxicas periódicas, citoloxías e mamografías.
O conselleiro de Sanidade remarcou o papel protagonista que a Xunta lle outorga ás mulleres xitanas coa creación da Rede de Promoción da Saúde na Comunidade Xitana, un proxecto que se estenderá ata 2027 cun orzamento de máis dun millón de euros e que está cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea a través do programa Fondo Social Europeo+ Galicia 2021-2027.
Neste colectivo, a esperanza de vida é entre 8 e 10 anos inferior ao resto da poboación española, cunha maior prevalencia de enfermidades cardiovasculares, diabetes e enfermidades respiratorias. “Estes datos hai que coñecelos e abordalos”, resaltou Gómez Caamaño.
Os datos da enquisa presentada hoxe, realizada de forma presencial en 609 fogares a máis de 2.100 persoas, sérvenlle á Dirección Xeral de Saúde Pública para seguir planificando, achegando recursos e formando os profesionais en competencia intercultural.
Polo seu carácter innovador, a sesión é seguida vía streaming por responsables de promoción da saúde das comunidades de Madrid, Aragón, A Rioxa, Baleares e Cantabria.
A Xunta márcase como obxectivo do Plan Obesidade Zero en Galicia previr esta enfermidade e reducir o exceso de peso nun 15 % para o 2030 en toda a poboación.