Pasar al contenido principal

PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL CONTINÚAN A CAMPAÑA DE VACINACIÓN DA GRIPE COAS PERSOAS MAIORES DE 70 ANOS, E PROFESIONAIS DOS CENTROS SANITARIOS

Imaxe
Campaña_gripe_profesionais_2026_20251021141954.JPG


Profesionais de Enfermaría da Área Sanitaria de Ferrol continúan a campaña de vacinación fronte a gripe e a Covid, que comezaba o pasado 29 de setembro, e que se prolongará ata o 31 de decembro.  A partir de onte día 20 de outubro, o seguinte chanzo na campaña de vacinación é a protección das persoas de 70 ou máis anos, para as que se procederá a unha citación proactiva no seu centro de saúde; as persoas en situación de inmunosupresión, que serán tamén citadas; e o persoal dos centros sanitarios e dos servizos de emerxencias.

No caso dos profesionais da Área Sanitaria de Ferrol, os dos centros de saúde poderán facelo no seu correspondente centro. No caso do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, haberá tres puntos de vacinación, un no andar -1 do Hospital Arquitecto Marcide; outro na consulta de Enfermaría de Prevención de Riscos Laborais, no caso do Hospital Naval; e un posto móbil de vacinación, no caso do Novoa Santos do Complexo. Este punto de vacinación móbil tamén percorrerá os outros dos centros hospitalarios do Complexo.

Continuar a protexer fronte á gripe e a covid

Lembrar que a campaña de vacinación fronte a gripe e a Covid continúa talos seus primeiros chanzos e protexer ó redor de 1.300 persoas e persoal dos 18 centros sociosanitarios da Área. A pasada semana comezaba a vacinación dos nenos e nenas de 6 meses a 11 anos, de xeito proactivo, a través de sms, nos seus centros de saúde. Lembrar que esta era unha das novidades da campaña, xa que a Xunta decidiu ampliar a vacinación da gripe este ano a nenas e nenos de ata os 11 anos, administrando a vacina por vía intranasal, despois da boa acollida que tivo a pasada campaña ao evitar a picada.

Xunto con isto, tamén os pasados días martes 14 e mércores 16, o equipo de profesionais de Enfermaría da Área Sanitaria de Ferrol desprazouse a dous centros educativos de Ferrol no marco do programa piloto de vacinación escolar da Consellería de Sanidade; e vacinouse nestes colexios participantes ao alumnado desde os 24 meses e ata os nados en 2014, é dicir, correspondentes a 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e a todos os cursos de Educación Primaria. Foron os alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, no Concello de Ferrol, os que se protexeron. Por último, a semana pasada, de xeito paralelo, os profesionais de Enfermaría da Área Sanitaria de Ferrol protexían tamén ás persoas inmobilizadas de calquera idade e ó seu coidador principal.