A XUNTA IMPULSA A DISTRIBUCIÓN DE CARTEIS INFORMATIVOS NAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS PARA GARANTIR O COÑECEMENTO E CUMPRIMENTO DA NORMATIVA SOBRE O CONSUMO DE ALCOHOL
A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública e en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte, está a impulsar a distribución de carteis informativos en todas as instalacións deportivas municipais para garantir o coñecemento e cumprimento da Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia, que prohibe a introdución, venda e consumo de bebidas alcohólicas nas instalacións onde se desenvolven competicións deportivas.
As infraccións relacionadas coa venda e consumo de alcohol nestes espazos teñen sancións económicas que poden chegar ata os 60.000 euros, aplicadas pola Comisión Galega de Control da Violencia.
Esta iniciativa forma parte do compromiso da Xunta coa promoción da saúde pública así como coa prevención dos danos derivados do consumo de alcohol, dentro e fóra dos ámbitos deportivos.
Cómpre lembrar que a Xunta vén de aprobar o proxecto de Lei de protección da saúde dos menores e prevención de condutas adictivas, que agors mesmo está en tramitación parlamentaria de cara á súa aprobación definitiva, que regula a publicidade de alcohol e bebidas enerxéticas.
Día Mundial sen Alcohol
Coincidindo co Día Mundial sen Alcohol, que se celebra o 15 de novembro co lema Redefinir o alcohol para unha Europa máis sa, a Xunta quere lembrar a importancia de promover ambientes deportivos saudables e libres de alcohol.
O Día Mundial sen Alcohol é unha xornada impulsada pola Organización Mundial da Saúde para concienciar sobre os riscos e danos ocasionados polo consumo de alcohol, que afecta á saúde física e psicolóxica da poboación e causa millóns de mortes ao ano. Esta data reforza a necesidade de fomentar o consumo responsable e protexer en especial aos máis novos.
Datos consumo
Segundo os datos da enquisa ESTUDES e do Sistema Nacional de Saúde, en España o 73,9 % do alumnado declara ter consumido alcohol algunha vez na vida, cun 71 % que refire consumo nos últimos 12 meses e un 51,8 % nos últimos 30 días.
En Galicia estes valores son lixeiramente inferiores. Así, un 72,9 % consumiu alcohol nalgunha ocasión e ao redor dun 50 % nos últimos 30 días.
Ambos conxuntos de datos amosan unha tendencia á baixa no consumo de alcohol entre a mocidade, aliñada coas estratexias de saúde pública destinadas a reducir riscos derivados do consumo precoz e en exceso.