Pasar al contenido principal

GÓMEZ CAAMAÑO DESTACA QUE O PROGRAMA DE DETECCIÓN PRECOZ PERMITIU DETECTAR MÁIS DE 2.900 CANCROS COLORRECTAIS ATA 2024, A MAIORÍA EN ESTADIOS PRECOCES

Imaxe
Espazo de coñecemento sobre a situación da saúde pública en Galicia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resaltou os resultados do programa de detección precoz do cribado de cancro colorrectal, que ata o ano pasado permitiu identificar 2.933 cancros, o 65,81 % deles en estadios iniciais.

Así o trasladou Gómez Caamaño, na inauguración da XII Reunión anual GITUD, Grupo galego de investigación en tumores dixestivos, que se celebra en  Vigo.

Na detección precoz, o conselleiro de Sanidade marcou como decisiva a estratexia de invitación que se modificou en 2022 para pasar a enviar os test do cribado directamente ao domicilio da poboación diana, mulleres e homes de 50 a 69 anos. Con estas facilidades, incrementouse a taxa de participación no cribado.

Desde o inicio do programa ata finais de 2024, a Xunta enviou máis de 2,5 millóns de invitacións de participación e realizou máis de 66.200 colonoscopias.

Os próximos retos da Consellería de Sanidade son continuar aumentando a participación nas probas de detección precoz, implementar o uso de intelixencia artificial no apoio á colonoscopia e ampliar a idade da poboación diana. 

Medicina de precisión

Gómez Caamaño chamou a atención sobre a prioridade que a Xunta lle dá ao tratamento contra o cancro e que culminará proximamente con dous proxectos clave.

Por unha banda, o novo Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas, situado no campus sur de Santiago de Compostela, comezará a producir tratamentos con denominación de orixe galega. É o caso dun CAR-T académico para un tumor sólido sen alternativa comercial.

Por outro lado, o Centro de Protonterapia de Galicia, que constrúe a Xunta e continúa a avanzar na instalación do equipamento financiado pola Fundación Amancio Ortega. Este centro será o primeiro da sanidade pública española en tratar pacientes con terapia de protóns.