O ENSAIO CLÍNICO SINCIGAL, QUE AVALÍA A REDUCIÓN DE HOSPITALIZACIÓNS EN ADULTOS POLO VIRUS RESPIRATORIO SINCITIAL, FINALIZA CON MÁIS DE 50.000 PARTICIPANTES
A Consellería de Sanidade agradece a colaboración das 50.415 persoas que participaron no ensaio clínico Sincigal, que ten como obxectivo avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación galega mediante a vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS).
Coa posta en marcha desta iniciativa, a finais do pasado mes de novembro e que se prolongou ata finais de febreiro, a Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago buscan a evidencia científica que sirva para valorar a eficiencia da vacina fronte ao virus respiratorio sincitial en adultos, como xa se logrou co estudo Galflu, que serviu para incluír na sanidade pública a vacina de alta carga fronte á gripe para maiores de 70 anos.
Persoas recrutadas por distritos
Por distritos sanitarios participaron no ensaio clínico Sincigal 11.972 persoas do da Coruña; 920 de Cee; 5.273 de Lugo; 1.182 da Mariña; 719 de Monforte de Lemos; 6.285 de Ourense; 648 de Verín; 732 do Barco de Valdeorras; 4.926 de Pontevedra; 1.908 do Salnés; 5.624 de Santiago de Compostela; 807 de Barbanza; 3.978 de Ferrol e 5.441 de Vigo.
Por grupos de idade, participaron 2.816 persoas de 18 a 40 anos; 3.999 de 41 a 50; 8.803 de 51 a 60 anos; 18.232 de 61 a 70 anos; 10.846 de 71 a 80; 4.645 de 81 a 90 anos; e 1.074 maiores de 90.
Por sexo, do total de participantes, 26.157 eran homes e 24.258 mulleres.
Sincigal enmárcase na estratexia galega de saúde pública pragmática, que integra a investigación clínica co sistema sanitario real para xerar evidencias útiles que permitan optimizar a toma de decisións sobre políticas de vacinación.
O virus respiratorio sincitial é un virus habitual que, na maioría dos casos, causa síntomas leves parecidos aos dun arrefriado, como dor de garganta, tose ou conxestión nasal. Con todo, en lactantes pequenos e en adultos de idade avanzada e en persoas con patoloxías crónicas, este virus pode causar problemas pulmonares graves que poden requirir a hospitalización. De feito, é responsable cada ano de centos de hospitalizacións en Galicia. Ademais, en adultos, pode empeorar enfermidades como a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica e a insuficiencia cardíaca.
Actualmente, a Xunta ofrece a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial de 0 a 6 meses, cunha cobertura próxima ao 100 %. Esta protección introduciuse en Galicia de modo pioneiro no 2023, permitindo a redución das hospitalizacións en máis do 90 % por esta infección nos nenos e nenas inmunizadas.