Ir o contido principal

A CONSELLERÍA DE SANIDADE ACOLLE A I XORNADA DE BOAS PRÁCTICAS COMUNITARIAS EN SAÚDE AMBIENTAL, DESTINADA A FOMENTAR O INTERCAMBIO DE COÑECEMENTOS QUE MELLOREN A CONTORNA E A SAÚDE DA POBOACIÓN

Imaxe
20251028_Xornadas_saude_ambiental1_20251028131521.jpg

Recoñecer e visibilizar experiencias locais e fomentar o intercambio de coñecementos que melloren a contorna e a saúde da poboación, é o obxectivo da  I Xornada de Boas Prácticas Comunitarias en Saúde Ambiental, que foi inaugurada pola directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán. Ao acto tamén asistiu o vicerreitor de transformación dixital e innovación da USC, Gumersindo Feijoo.

A xornada, que conta con máis dun cento de asistentes, está organizada pola Cátedra de Saúde Ambiental, impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e coordinada pola Universidade de Santiago de Compostela e a Escola Galega de Saúde Pública.

Este encontro está dirixido ás entidades locais, concellos, asociacións veciñais e outros colectivos interesados en compartir as súas iniciativas locais innovadoras e útiles en saúde ambiental.

Nesta primeira edición, exporanse iniciativas que demostran que o cambio real comeza no ámbito local, a través de proxectos que unen innovación, cooperación e respecto polo medio.

Temas abordados

A xornada divídese en dúas mesas de boas prácticas. A primeira delas contará con catro experiencias inspiradoras, comezando pola iniciativa levada a cabo polo concello na Ría de Ribadeo para a súa mellora ambiental e posta en valor. 

A continuación, dende o concello de Maside, describirán a súa experiencia na medición de radon en vivendas, un exemplo claro de prevención e protección da saúde fronte a un risco ambiental invisible pero relevante. 

En terceiro lugar, o Concello de Begonte presentará a iniciativa Comunidade enerxética: Begonte Xenera, un proxecto de transición enerxética local que aposta pola autosuficiencia, o aforro e a participación cidadá. 

Para finalizar esta primeira mesa, o Concello da Bola achegará o proxecto do Bosque comestible da Bola, unha proposta colaborativa que une natureza, educación ambiental e cohesión social.

A segunda mesa abordará Casos de éxito da xestión comunitaria da auga no rural, outro tema fundamental para o presente e o futuro das nosas comunidades. En primeiro lugar, a Asociación de traídas de augas do rural, COXAPO, compartirá experiencias de participación cidadá na xestión da auga, demostrando que cando a comunidade se implica, a sostibilidade é posible. 

En segundo lugar, o Concello de Abegondo describirá un proxecto sobre o aproveitamento de augas subterráneas procedentes da sondaxe con destino ao abastecemento da poboación, un exemplo de xestión eficiente e segura dos recursos naturais. 

Pechará esta mesa o centro tecnolóxico da auga, CETAQUA, presentando o proxecto RUAGUA, unha proposta de economía circular desenvolvida en Valdeorras que pon en valor o uso responsable da auga e dos recursos asociados.

A xornada rematará cunha conferencia de clausura a cargo de Cristina García Fontán, profesora da Universidade da Coruña, titulada: Contorna saudable, cidadanía saudable. Como o medio que nos rodea inflúe na nosa saúde. Nela explicará a relación estreita que existe entre o medio ambiente e o noso benestar individual e colectivo, cunha visión científica.

Esta primeira xornada supón o inicio dun espazo de colaboración continua, onde cada experiencia sirva de inspiración e aprendizaxe para outros concellos ou comunidades, porque cada acción local, por pequena que pareza, contribúe á mellora global da saúde da poboación e porque non hai saúde sen medio ambiente saudable.

A clausura correrá a cargo de Alberto Ruano, director da Cátedra de Saúde Ambiental.