A CONSELLERÍA DE SANIDADE CONFIRMA O INICIO PRECOZ DA ONDA EPIDÉMICA DE GRIPE, ACTUALMENTE CON INTENSIDADE BAIXA
A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 3 ao 9 de novembro e confirma o inicio precoz da onda epidémica de gripe e tamén o feito inusual de que a súa presentación sexa anterior ao inicio da onda por virus respiratorio sincitial (VRS).
Actualmente a onda da gripe sitúase en intensidade baixa e con tendencia crecente.
A situación da gripe en Galicia é semellante á observada noutras comunidades do norte de España que están a experimentar un incremento inesperado da transmisión deste virus, xa desde o inicio da tempada.
Ao igual que na semana anterior, obsérvase unha predominancia e un aumento da porcentaxe de positividade para o virus da gripe tipo A, que adoita afectar con maior frecuencia á poboación de maior idade e polo tanto, causar un maior número de hospitalizacións.
Segundo os datos de atención primaria, a taxa de consultas por gripe aumentou un 64 % con respecto da semana previa e fica en 45,3 consultas por 100.000 habitantes. O grupos de idade coa maior taxa de consultas foi o de 0 a 4 anos, seguido do de 5 a 19 anos.
En canto aos ingresos hospitalarios, na última semana ingresaron 182 persoas con gripe confirmada, isto é un 23 % máis que a semana anterior. O grupo de maiores de 80 anos foi o que presentou a taxa máis elevada, con 29 ingresos por 100.000 habitantes (un 8 % superior á da semana anterior). Por área sanitaria, a taxa de ingresos aumentou en todas elas agás na de Ferrol.
No que vai de temporada da gripe notificáronse 590 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.
Campaña de vacinación
A Consellería de Sanidade lembra a importancia de vacinarse, xa que esta protección reduce de maneira significativa o risco de padecer gripe e as súas complicacións.
No que se leva de campaña máis de 497.000 persoas foron vacinadas, entre elas, o 75,6 % das persoas de 80 e máis anos, e máis de 72.000 nenos e nenas, o que amosa un ano máis a confianza da cidadanía galega na campaña de prevención da gripe.
Desde esta semana, en Galicia están a ser citadas para vacinarse as persoas de máis de 60 anos. Ademais xa poden solicitar cita a través da App Sergas Móbil o persoal de servizos esenciais e traballadores con risco por exposición laboral, como poden ser as persoas que traballan en granxas avícolas ou porcinas.
Entre as persoas que poden pedir cita de vacinación, é importante que o fagan as mulleres embarazadas ou en puerperio.
A poboación diana que fose citada por SMS e non teña acudido pode volver solicitar día e hora para vacinarse no seu centro de saúde.
En caso de ter síntomas de infección respiratoria, recoméndase o uso da máscara en pacientes e nos seus acompañantes e profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.
É importante tamén, de ter síntomas, diminuír as reunións sociais, manter a distancia interpersoal e medidas de ventilación adecuadas.