Ir o contido principal

A CONSELLERÍA DE SANIDADE É RECOÑECIDA POLO SEU SISTEMA DE XESTIÓN DA CALIDADE EN SAÚDE PÚBLICA

Imaxe
20251023_Conselleiro_Sanidade_recollida_certificado_AENOR2_20251023105317.jpg

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recibiu a acreditación do certificado AENOR obtido pola implantación dun sistema de xestión da calidade en Saúde Pública orientado á mellora continua, a eficiencia nos procesos e servizos así como á satisfacción dos usuarios.

No acto de entrega tamén participaron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, a subdirectora xeral de Xestión, Calidade e Innovación, Amparo Villaverde, e o director da rexión atlántica de AENOR, José Enrique Rodríguez Coello.

Esta certificación conforme á norma internacional ISO 9001:2015 recoñece o proceso realizado pola Dirección Xeral de Saúde Pública que implica unha revisión exhaustiva dos procedementos internos, con especial énfase na eficiencia, rastrexabilidade, o enfoque nas persoas usuarias, a xestión de riscos e a capacidade de resposta ante novos retos.

Entre as actividades certificadas está o Observatorio de Saúde Pública de Galicia, unha web que analiza e difunde información relativa á saúde para proporcionar datos baseados na evidencia científica á disposición de profesionais sanitarios, da investigación e abertos tamén á sociedade en xeral. 

Actualmente poden consultarse máis de 400 indicadores de saúde que abranguen áreas como a vacinación, estilos de vida saudables, mortalidade e determinantes sociais da saúde. 

Tamén conseguiu a certificación a Escola Galega de Saúde Pública, encargada da xeración de coñecemento neste ámbito para formar profesionais altamente cualificados e fomentar a innovación e investigación científica de calidade.

O Servizo de Xestión Organizativa, que presta apoio a funcións administrativas e de xestión orzamentaria e de recursos humanos á Dirección Xeral de Saúde Pública, ademais do Servizo de Calidade en Saúde Pública, encargado da elaboración de protocolos e seguimento de indicadores de calidade e da promoción de boas prácticas, foron igualmente certificados por AENOR. 

A auditoría externa salientou a transparencia mostrada por parte do persoal implicado, o rigor e detalle na definición de procesos e o elevado número de propostas de mellora identificadas. 

As acreditacións de calidade obtidas anteriormente polo Laboratorio de Saúde Pública de Galicia e polos Servizos Veterinarios de Inspección de Saúde Pública de Pontevedra demostran a aposta da Consellería de Sanidade por prestar un servizo público, ademais de eficaz, da máis alta calidade posible.