Ir o contido principal

A CONSELLERÍA DE SANIDADE INFORMA Á COMUNIDADE UNIVERSITARIA DOS RECURSOS EXISTENTES PARA A DETECCIÓN PRECOZ DO CANCRO EN GALICIA

Imaxe
20251030__Programas_prevencion_cancro1_20251030193828.jpg

A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez, participou hoxe na xornada Falemos de cancro, conversas para entender e previr o cancro, que organiza a Cátedra de Vida Saudable da USC, onde explicou os recursos que ten a Xunta para a detección precoz do cancro en Galicia.

Nun acto ao que tamén asistiu o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Consellería de Política Social e Igualdade, Antón Acevedo, a representante da Dirección Xeral de Saúde Pública detallou a situación dos programas de cribado existentes en Galicia, así como os avances e retos que presentan.

Así, logo de consolidar os resultados dos programas de cribado de mama, colon e de cérvix, e de impulsar os programas piloto de cribado de cancro de próstata e de pulmón, a Xunta anunciou a incorporación o vindeiro ano das mulleres de 25 a 35 anos ao cribado de cérvix. Ademais levaranse os programas de cribados xa consolidados aos centros penitenciarios. 

Respecto do cancro de mama, no ano 2024 a porcentaxe de participación acadou o 84,6 % e foron diagnosticados 891 cancros. O máis salientable é que o 70 % dos cancros invasivos diagnosticados correspóndense con estadios precoces ou iniciais.

Sobre o cancro colorrectal, Sagrario Pérez dixo que no ano 2024 se lles realizaron colonoscopias a 8.608 persoas. Delas, o 34 % tivo algún tipo de lesión: 256 cancros e 3.180 lesións a seguimento con colonoscopia. Dos cancros detectados, o 65,8 % deles foron identificados en estadios precoces.

Do programa de cancro de cérvix, a participación efectiva neste cribado ata decembro de 2024 acadou o 60 %, diagnosticándose un total de 63 cancros. Así, do conxunto de lesións detectadas o 88 %  presentaron un estadio I e II. 

Tamén referiu que a detección precoz de enfermidades ocupa unha posición central dentro das políticas sanitarias da Xunta e, por este motivo, traballa constantemente na procura de melloras e actualizacións dos seus programas.

Galicia conta, pois, cunha estratexia de detección precoz de cancro sólida e competente, que é pioneira tanto na súa carteira de servizos como no seu enfoque.