A CONSELLERÍA DE SANIDADE PARTICIPA NUN SEMINARIO ORGANIZADO POLA PLATAFORMA DE MOSQUITO ALERT EXPOÑENDO A BOA PRÁCTICA DESENVOLVIDA EN GALICIA DESDE O ANO 2023
A Consellería de Sanidade participa nun seminario organizado pola Plataforma de Mosquito Alert para expoñer a boa práctica desenvolvida en Galicia neste ámbito desde o ano 2023.
A subdirectora xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria da Consellería Sanidade, Inés Mato, falou da boa práctica implementada en Galicia coa difusión da aplicación de Mosquito Alert e da situación actual do mosquito tigre (Aedes Albopictus) na comunidade, así como da importancia das redes colaborativas como a Rede galega de vixilancia de vectores (RegaViVec).
A representante do departamento sanitario da Xunta participou nun seminario en Barcelona organizado pola plataforma de ciencia cidadá “Mosquito Alert” e baixo o proxecto “INOVEC”, dedicado a fomentar a investigación colaborativa e impulsar a innovación para mellorar a vixilancia e control dos mosquitos vectores que transportan arbovirus emerxentes a Europa e outras zonas.
O seminario ten lugar no Campus da Ciudadella da Universidade de Pompeu Fabra en Barcelona, do 2 ao 4 de decembro do 2025.
Comité técnico mosquito tigre
Por outra banda, e no marco da vixilancia e control do mosquito tigre da RegaViVec, a Consellería de Sanidade convocou para este venres, 5 de decembro, o Comité Técnico Interdepartamental do mosquito tigre.
A este comité están citados, entre outros organismos, os diferentes concellos nos que se detectou a presenza deste vector no 2025.
Na reunión falarase do estado de situación do mosquito tigre en Galicia, así como das actuacións levadas a cabo na prevención, vixilancia e control, e das actuacións que están previstas dentro da ReGaViVec para o 2026.