Ir o contido principal

GALICIA PARTICIPA NA ELABORACIÓN DO INFORME SOBRE O CONTROL DA OBESIDADE EN ESPAÑA COMO ÚNICA COMUNIDADE CUN PLAN INTEGRAL DE PREVENCIÓN

Imaxe
Espazo de coñecemento sobre a situación da saúde pública en Galicia

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, participou hoxe en Madrid na presentación do Informe sobre o valor social da optimización do control da obesidade en España, elaborado por un panel de expertos de referencia a nivel estatal entre os que está a subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez Castellanos.

Galicia foi elixida para participar no informe por ser a única comunidade autónoma que dispón dun plan integral de abordaxe da obesidade. 

Na presentación oficial do informe, que tivo lugar na sala Espazo 23 do centro de Madrid, deuse conta da visión do sistema sanitario galego e da estratexia da Xunta no eido da promoción de estilos de vida saudables, prevención das doenzas crónicas e mellora da saúde pública.

O Plan Obesidade Zero da Xunta de Galicia é unha iniciativa innovadora que ten por obxectivo reducir a prevalencia da obesidade na nosa comunidade, apostando pola educación, a tecnoloxía e a participación comunitaria para abordar un dos problemas máis relevantes no eido da saúde pública.

O plan fomenta unha mellora na calidade de vida da poboación galega mediante un enfoque preventivo e a longo prazo. Con este plan, a Xunta fixou como meta reducir a taxa de obesidade na comunidade nun 15 % nos próximos cinco anos, co obxectivo adicional de diminuír a carga no sistema de saúde ao minorar os custos asociados ás enfermidades derivadas da obesidade, como é o caso da diabetes e dos problemas cardiovasculares.

O informe presentado hoxe en Madrid supón unha ferramenta de referencia para apoiar a toma de decisións futuras no ámbito estatal e autonómico, marcando un novo paso na coordinación interterritorial e no impulso de políticas efectivas fronte á obesidade.

O documento analiza o impacto sanitario, social e económico da obesidade e identifica vías de mellora para reforzar a prevención e o abordaxe integral desta condición.

Ademais dos beneficios en saúde, reducir a obesidade xeraría aforros sanitarios e sociais millonarios.