GALICIA PRESENTA EN HELSINKI OS POSITIVOS RESULTADOS DO PROXECTO EUROPEO CONTRA A OBESIDADE INFANTIL POSTO EN PRÁCTICA EN PONTEAREAS
A Xunta presentou en Helsinki os positivos resultados do proxecto europeo Health4EUKids contra a obesidade infantil e no que Galicia participou como rexión piloto coa posta en práctica da iniciativa no concello de Ponteareas.
A encarga de compartir co resto de rexións europeas os resultados galegos foi a xefa do Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde da Consellería de Sanidade, Carolina Muñoz.
Esta intervención enmárcase no Plan Obesidade Zero e foi desenvolvida nunha localidade de máis de 20.000 habitantes, con especial foco na poboación infantil de 6 a 12 anos e as súas familias.
Así, participaron máis de 400 persoas entre alumnado de cinco centros educativos, familias, profesorado, profesionais sanitarios, entidades sociais e persoal municipal.
Recibíronse máis de 70 suxestións nun proceso participativo e creouse unha rede local de saúde con máis de 25 entidades representadas.
Entre as actividades destacaron obradoiros de alimentación saudable e de etiquetado nutricional, pausas activas no horario escolar e recuperación de espazos públicos con xogos tradicionais.
Tras estas intervencións, os resultados preliminares do proxecto Health4EUKids amosan un aumento do interese pola alimentación saudable entre escolares, un incremento da actividade física diaria nas aulas, un impulso á participación cidadá en materia de saúde e unha mellora da coordinación entre centros educativos, servizos municipais e entidades sociais.
Na súa presentación en Helsinki, a técnica da Consellería de Sanidade compartiu tamén os materiais educativos, guías e ferramentas que se xeraron co proxecto e que son transferibles a outras localidades ou rexións europeas.
De feito, estes materiais integraranse na Rede galega de promoción da saúde e noutros programas do Goberno galego como Nutriescolas.
Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa FSE+3.