GÓMEZ CAAMAÑO ANUNCIA A CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA DE MÁIS DE 33.000 NENOS DE ENTRE 6 MESES E 11 ANOS PARA VACINARSE FRONTE Á GRIPE OS DÍAS 5 E 6 DE DECEMBRO
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe a convocatoria extraordinaria de máis de 33.000 nenos e nenas de entre 6 meses e 11 anos para vacinarse fronte á gripe os días 5 e 6 deste mes nos 14 hospitais públicos.
O titular da carteira sanitaria da Xunta fixo este anuncio no transcurso da súa visita ás obras de mellora levadas a cabo no centro de saúde da Parda, na que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores.
Tal e como detallou o conselleiro, nos hospitais comarcais inmunizarase o venres pola tarde de 16 a 20 horas. O resto de hospitais públicos vacinarán o venres neste horario e, a maiores, na xornada do sábado de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.
En concreto na área de Pontevedra e O Salnés, na que fixo o anunciou o conselleiro, están convocados un total de 2.100 nenos e nenas.
Gómez Caamaño animou ás familias a que participen nesta campaña de vacinación extraordinaria para os nenos, porque as vacinas son a mellor protección fronte á gripe.
Plan de inverno
Na súa visita ao centro de saúde da Parda, o conselleiro incidiu en que Galicia está preparada para afrontar esta nova tempada de gripe e, desde mediados de novembro, ten operativo o Plan de inverno para anticiparse, previr, planificar e xestionar os recursos que permitan responder aos picos de demanda.
O conselleiro reiterou a petición á cidadanía para que se vacine fronte á gripe e a covid. Lembrou que, ata o de agora, xa se vacinaron 720.000 persoas por gripe, das que máis do 67 % son poboación de 65 ou máis anos, que é un dos grupos máis vulnerables. Tamén se vacinou a preto do 60 % do persoal sanitario e a case o 47 % de nenos e nenas ata os 11 anos.
Gómez Caamaño dixo que desde que comezou a campaña de gripe se notificaron máis de 1.050 ingresos hospitalarios, a maioría con virus de tipo A. Para reducir estas cifras, levouse a cabo unha campaña extraordinaria de vacinación a fin de semana pasada nos hospitais do Sergas dirixida á poboación de 60 a 69 anos, á que acudiron 6.500 persoas o que eleva a cobertura dos maiores de 60 ata preto do 57 %.
Obras de mellora no centro de saúde da Parda
O conselleiro visitou hoxe o centro de saúde da Parda para comprobar o resultado das obras de mellora da reforma integral da cuberta, na que a Xunta investiu 95.000 euros.
Esta mellora engádese a outras realizadas por máis de 191.000 euros neste centro de saúde nos últimos anos na nova climatización ou na eficiencia enerxética.
Estes investimentos amosan a forte aposta da Xunta por mellorar a atención primaria, para que os pacientes dispoñan de instalacións da máxima calidade e para que os profesionais sanitarios desenvolvan o seu labor coa máxima comodidade.