Ir o contido principal

GÓMEZ CAAMAÑO AVANZA A CREACIÓN DUN COMITÉ ASESOR DE CRIBADOS DE CANCRO CON REPRESENTACIÓN DOS PACIENTES PARA COMPARTIR INFORMACIÓN E ESTRATEXIAS DE MELLORA

Imaxe
20251110_Conselleiro_Sanidade_reunion_cribados_AECC1_20251110134245.jpeg

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe a constitución dun comité asesor de cribados no que estarán representados os pacientes e que permitirá compartir información e tomar decisións sobre estratexias de mellora dos programas de detección precoz de cancro.

O titular da carteira sanitaria da Xunta mantivo esta mañá un encontro de traballo cos representantes das xuntas provinciais da Asociación Española Contra o Cancro en Galicia para trasladarlles información actualizada sobre os programas de cribado que se desenvolven en Galicia. 

A información completa sobre os programas de cribado de cancro en Galicia estará, ademais, á disposición do conxunto da cidadanía a través do Observatorio de Saúde Pública. 

Tal e como remarcou o conselleiro, para a Xunta o cancro é unha cuestión absolutamente central e prioritaria, apostando por abordala coa máxima seriedade, rigor e transparencia. Nesa liña situou as decisións anunciadas recentemente de extensión dos programas de cribado de cancro aos centros penitenciarios, do aumento da cobertura do cribado de cancro de cérvix á franxa de mulleres de 25 a 35 anos e a ampliación a toda Galicia do proxecto piloto de cribado de cancro de pulmón.

En relación co programa de cribado de cancro de mama, posto en marcha no ano 1992 e ampliado progresivamente ata cubrir a todas as mulleres de entre 50 e 74 anos, o conselleiro referiu que a cobertura está por riba do 98,7 %.

Así, entre 1992 e 2024 enviáronse 4,4 millóns de invitacións e acadouse unha participación do 84,6 %, moi superior aos estándares establecidos como idóneos.

No pasado ano, realizáronse máis de 205.000 exploracións a mulleres co cribado de cancro de mama e, grazas a este programa. E 2023 detectáronse 950 cancros, dos que 121 apareceron na primeira exploración. Máis do 70 % dos cancros detectados foron diagnosticados en estadios precoces.

O conselleiro referiu que, a nivel xeral, a supervivencia das mulleres cinco anos despois do diagnóstico é do 88 % e no caso dos cancros detectados a través do programa de cribado da Xunta, a taxa de supervivencia sube dez puntos ata chegar ata o 98 %. Así mesmo, a 25 anos, a supervivencia das mulleres que participan no cribado é de máis do 80 %.

A Xunta seguirá a traballar para mellorar este cribado e, neste senso, puxo en marcha iniciativas como o uso da intelixencia artificial para o apoio diagnóstico. Ademais, impulsou a estratificación do risco con proxectos de investigación como Mamo Risk ou  Xenoma Galicia.

Datos cribado cancro colorrectal e cérvix

En relación ao cribado de cancro colorrectal, implantado en toda Galicia no ano 2019, o conselleiro explicou que ten unha cobertura tamén de practicamente o 100 % da poboación diana, de entre 50 e 69 anos.

Grazas ao cambio de estratexia no ano 2022 no que se pasou a enviar directamente o test ao domicilio, incrementouse a taxa de participación, chegando a máis do 56 % no pasado ano.

Por medio deste programa, entre 2019 e 2023 realizáronse 56.600 colonoscopias e detectáronse 2.618 cancros de colon, dos que máis do 65 % diagnosticáronse en fases iniciais.

O obxectivo da Xunta con este programa pasa polo uso da intelixencia artificial no apoio á colonoscopia e por incrementar a participación coa axuda da atención primaria.

Respecto do cribado de cancro de cérvix, Gómez Caamaño referiu que a Xunta xa publicou o informe relativo ao 2024, onde se sinala que xa se levan máis de 253.000 invitacións realizadas, cunha taxa de participación do 60 %. Así mesmo, o 77 % dos 89 cancros detectados estaban en fase inicial.