Ir o contido principal

​A GRIPE EN GALICIA SITÚASE EN INTENSIDADE BASAL E TENDENCIA ESTABLE

Imaxe
Máscara_20250417114834.jpg


A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, publica na súa páxina web o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana 15 do ano (rematada o 13 deste mes), que determina que a intensidade da gripe en Galicia se sitúa en intensidade basal e con tendencia estable.

Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria diminuíu un 27,9 % e fica en 18,6 por 100.000 habitantes, polo que a intensidade da actividade gripal descende ata o nivel preepidémico. O descenso da taxa obsérvase en todos os grupos de idade e en todas as áreas sanitarias.

A rede de farmacias sentinela, que nesta campaña están a remitir os seus datos á Dirección Xeral de Saúde Pública, reflicte que as taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos descenderon respecto da semana anterior. 

En canto aos ingresos hospitalarios, na semana 15 ingresaron 102 persoas con gripe confirmada, un 47 % menos que na semana anterior (192). A taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 3,8 por 100.000 habitantes, descendendo en todos os grupos de idade. Por áreas sanitarias, a taxa só aumentou na de Ferrol. No que vai de tempada, notificáronse 3.404 ingresos por gripe, a maioría deles, 2.987, con virus do tipo A.

Respecto da positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, foi do 9,1 %, o que supón un descenso respecto da semana anterior (14,2 %). A positividade das mostras estudadas para virus do tipo B foi do 0,3 %, polo que a positividade dos virus da gripe foi do 9,4 %, inferior á da semana anterior (14,6 %).

O informe tamén indica que, nesta semana, ingresaron 14 persoas con covid confirmada, un 13 % menos que na semana previa (16 ingresos). Por grupos de idade, o descenso máis acusado produciuse no grupo de 65 e máis anos. En relación ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos diminuíu en todas agás nas de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e a de Vigo, nas que aumentou lixeiramente.

Estimación

Segundo se recolle no informe, a estimación puntual do modelo de predición suxire que nas vindeiras dúas semanas a taxa de consultas por gripe descenda de 18,6 por 100.000 habitantes a 15,5 e 13,8 nas semanas 16 e 17.

A nivel asistencial, observouse un descenso do 47 % no número de ingresos, o que se reflicte nunha taxa de hospitalización descendente.

A Xunta lembra a recomendación do uso da máscara en pacientes con síntomas respiratorios, ademais dos seus acompañantes e visitas, e no caso dos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.