A INCIDENCIA DA TUBERCULOSE EN GALICIA BAIXOU CASE UN 47 % DESDE 2015 GRAZAS AO PROGRAMA AUTONÓMICO DE PREVENCIÓN E CONTROL DESTA ENFERMIDADE
A incidencia dos casos de tuberculose en Galicia, tanto en idade pediátrica como en adultos, presenta unha tendencia descendente, o que reflicte o bo funcionamento do Programa galego de prevención e control da tuberculose, que coordina a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Con respecto ao 2015, ano a partir do cal a Organización Mundial da Saúde fixa o período temporal para conseguir o obxectivo de eliminar esta enfermidade, o número total de casos descendeu un 46,9 %.
O Executivo galego abordou hoxe un informe do departamento sanitario referido á incidencia desta enfermidade na Comunidade, así como as características dos casos no ano 2024 e a evolución do período 1996-2024.
No informe sinálase que, entre os anos 1996 e 2024, a incidencia da tuberculose diminuíu na Comunidade de 71,8 a 11,5 casos por 100.000 habitantes, cunha diminución por termo medio anual neste período de máis do 6 %.
No ano 2024 rexistráronse 310 novos casos de tuberculose. Destes casos, o 37,3 % detectáronse por busca activa. Destes 310 casos, 88 son da Área Sanitaria da Coruña e Cee; 13 da de Ferrol; 35 da de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 27 da de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 37 da de Pontevedra e O Salnés; 49 da de Santiago de Compostela e Barbanza; e 61 da de Vigo.
A localización máis frecuente foi a pulmonar, con 191 casos, o que representa o 61,6 % fronte ao 38,4 % da só extrapulmonar (119 casos).
Características dos casos
Por sexo, a maior porcentaxe detectouse nos homes, 201 casos (64 %), cunha incidencia de 15,4 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 109 casos, 7,8 por 100.000 habitantes, nas mulleres.
No que respecta aos grupos de idade, a maioría foron adultos, 298 casos, o que supón o 96,1 % do total e unha incidencia de 12,4 casos por 100.000 habitantes. O número de casos na idade pediátrica foi de 12, o que supón o 3,9 % do total e unha incidencia de 4,1 por 100.000 habitantes. Deses 12 casos, catro foron en menores de cinco anos.
En conxunto, o 71,9 % dos casos presentaron algún factor de risco. O principal foi o tabaquismo (22,6 %).
En 2024 presentaron algunha resistencia aos principais fármacos antituberculosos o 10,7 % do total. Desde 2020, Galicia ten implantado un novo réxime terapéutico, máis curto, co fin de mellorar a eficacia do tratamento das formas multirresistentes da enfermidade.
Dos casos que iniciaron o tratamento no ano 2023, avaliouse a adherencia no 97,7 % e foron supervisados o 77,3 % deles. Curaron o 94,6 %. Coñecer o grao de adherencia terapéutica é de grande importancia á hora de avaliar a efectividade e a seguridade dos tratamentos farmacolóxicos prescritos.
A incidencia da mortalidade por tuberculose en 2023 foi de 0,22 casos por cada 100.000 habitantes. En concreto, no ano 2023 seis pacientes morreron en Galicia por causa desta enfermidade, cun rango de idade de 60 a 92 anos. Ademais, tiñan outras enfermidades crónicas debilitantes.
En Galicia, no ano 2024 declaráronse 12 gromos de tuberculose, que agruparon un total de 31 casos. Deles, sete gromos foron microepidemias de dous casos; tres gromos de tres casos; e dous de catro. A maioría dos gromos ocorreron no ámbito dos conviventes.
Engadidos aos 310 casos, durante 2024 rexistráronse outros 14 máis importados. A porcentaxe de casos notificados como importados diminuíu con respecto ao ano previo (4,3 % fronte ao 5,9 % do ano 2023).
Obxectivos
Desde o ano 1996, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade elabora anualmente un informe epidemiolóxico sobre a tuberculose en Galicia, que ten como obxectivo cuantificar os casos e describir as características epidemiolóxicas e a súa evolución temporal.
A Consellería de Sanidade ten como obxectivo acadar unha incidencia menor de 10 casos por 100.000 habitantes nos próximos anos, no marco do Plan nacional da tuberculose e da estratexia Fin da tuberculose da Organización Mundial da Saúde.
A Xunta seguirá apostando por manter a tuberculose como liña clave en materia de saúde pública e continuará a potenciar as sete unidades de tratamento existentes.