Ir o contido principal

O CONSELLEIRO DE SANIDADE CONVIDA A PARTICIPAR NO ENSAIO CLÍNICO SINCIGAL QUE ESTUDA A EFICACIA DA VACINA FRONTE AO VRS EN ADULTOS E QUE RECRUTOU XA PRETO DE 14.000 PERSOAS

Imaxe
20251223_Avance_ensaio_sincigal_e_vacinación_gripe_20251223130957.jpeg

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, convidou esta mañá a toda a poboación adulta a participar no ensaio clínico Sincigal, un estudo que xa recrutou 14.000 persoas e que ten por obxecto testar a redución dos ingresos hospitalarios mediante a vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial.

Na compaña do xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio, e do xefe do servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago, Federico Martinón, o responsable de Sanidade lembrou que Galicia xa foi pioneira a nivel mundial coa incorporación no calendario vacinal da inmunización contra o VRS en lactantes, unha medida que permitiu evitar preto de 400 hospitalizacións anuais en neonatos por mor da bronquiolite.

O ensaio clínico Sincigal botou a andar cunha primeira fase de recrutamento na que se convidou a participar a todas as persoas maiores de 60 anos, ao tratarse do grupo de maior risco. Con todo, desde a semana pasada o estudo está aberto a toda a poboación maior de 18 anos, sen límite de idade.

”Convidamos a participar a toda a poboación galega“, referiu Gómez Caamaño, apuntando que o obxectivo é obter unha mostra “ampla e representativa” para garantir uns resultados sólidos e concluíntes sobre a eficacia desta vacina. 

Na actualidade, o sistema sanitario público galego conta con preto de 200 centros de saúde adheridos ao estudos Sincigal, nos que as persoas que así o desexen poden solicitar participar no ensaio. Así mesmo, tamén se pode participar neste estudo acudindo aos centros hospitalarios de referencia.

Éxito nas coberturas de vacinación fronte á gripe

O titular da carteira sanitaria da Xunta aproveitou a súa visita ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela para avanzar que, nestes momentos, a sanidade pública galega xa supera as taxas de vacinación fronte á gripe en comparación coas rexistradas ao final da campaña de 2024.

En concreto, explicou que as taxas de cobertura roldan o 82 % entre as maiores de 80 anos; e o 85,2 % no tramo de idade que vai dos 80 aos 84 anos. Así mesmo, preto do 65 % do persoal sanitario galego xa está inmunizado e a cobertura das mulleres embarazadas achégase ao 45 %. Ademais, case o 72 % dos menores de dous anos foron vacinados fronte a gripe.

Pico da onda epidémica da gripe

Segundo os datos recollidos polo servizo de vixilancia epidemiolóxica da Dirección Xeral de Saúde Pública, Galicia xa acadou o pico da onda epidémica da gripe nesta campaña, polo que se agarda que, durante os próximos días, se produza un descenso progresivo das consultas vinculadas ás infeccións respiratorias.

Con todo, Gómez Caamaño realizou un chamamento a toda a cidadanía que aínda non o fixo a protexerse fronte á gripe nestas datas de encontros, xa que “é fundamental protexerse para coidar dos nosos familiares”.