O CONSELLEIRO DE SANIDADE SUBLIÑA A IMPORTANCIA DAS XORNADAS EXTRAORDINARIAS DE VACINACIÓN ANTE O ADIANTO DA ONDA DE GRIPE E A FOLGA CONTRA A REFORMA DO ESTATUTO MARCO DO GOBERNO
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe a importancia das xornadas extraordinarias de vacinación ante o adianto da onda de gripe e a folga sanitaria convocada contra a reforma do Estatuto Marco que promove o Goberno de España, que se nega a negociar e dialogar cos afectados.
O conselleiro, acompañado do xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, e da directora do Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades (Cegace), Marta Piñeiro, mantivo no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera unha reunión de traballo co persoal de enfermería.
O obxectivo da xuntanza foi abordar a vacinación extraordinaria de nenos programada para este venres pola tarde e para a xornada do sábado nos hospitais do Servizo Galego de Saúde.
O conselleiro detallou que están citados a vacinarse 33.340 nenos de entre 6 meses e 11 anos nos hospitais das sete áreas sanitarias.
En concreto, na área sanitaria da Coruña e Cee están convocados 1.800 para vacinarse no Hospital Virxe da Xunqueira e no Materno Infantil.
A vacinación desenvolverase esta tarde nos hospitais comarcais, e tamén na tarde deste venres e durante todo o día de mañá, sábado, nos demais hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde.
Gómez Caamaño subliñou que Galicia deu un paso adiante nesta campaña ampliando a vacinación infantil ata os 11 anos, administrando a vacina intranasal desde os dous anos e, ademais, desenvolvendo un programa piloto de vacinación nos centros escolares, grazas ao que o 50 % da poboación infantil está xa vacinada.
Agora, proseguiu Gómez Caamaño, a Xunta quere incrementar a vacinación con estas xornadas extraordinarias dirixidas á poboación infantil previstas para hoxe e mañá.
Papel da enfermería
O conselleiro aproveitou a súa visita á cidade herculina para poñer en valor o papel fundamental que desenvolve a enfermería, especialmente nestas campañas de vacinación.
O titular da carteira sanitaria incidiu en que son 700 profesionais de enfermería implicados nesta intensa campaña, case 200 na área sanitaria da Coruña e Cee, que realizan un complexo despregue para chegar aos centros de saúde, residencias de maiores, escolas e recintos hospitalarios.
Tamén puxo en valor a participación do persoal de enfermería no proxecto de investigación fronte ao virus respiratorio sincitial en persoas maiores que comezou a pasada semana.
Gómez Caamaño dixo que o plan de vacinación fronte á gripe posto en marcha pola Xunta a finais de setembro xa leva vacinadas preto de 750.000 persoas, con máis do 80 % de cobertura nos maiores de 80 anos.
Remarcou, así mesmo, que a área sanitaria da Coruña e Cee rexistra, na actualidade, taxas de vacinación moi altas, con máis do 67 % dos maiores de 70 anos xa vacinados.
Xunto ao anterior, Gómez Caamaño sinalou que, grazas ao Plan de inverno posto en marcha pola Xunta a mediados de novembro, o seu departamento adecúa os medios humanos e materiais precisos para atender a demanda sanitaria en cada nivel epidémico.
Sobre a base desta planificación, tal e como lembrou o conselleiro, pódese intensificar o ritmo de vacinación cando, como agora, as circunstancias o aconsellan.