Ir o contido principal

A ONDA EPIDÉMICA DE GRIPE CONTINÚA CON TENDENCIA CRECENTE AÍNDA QUE CON UNHA INTENSIDADE BAIXA

Imaxe
Espazo de coñecemento sobre a situación da saúde pública en Galicia

A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web​, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 24 ao 30 de novembro, que sinala que a actividade gripal en Galicia segue con intensidade baixa e tendencia crecente.

Respecto da semana anterior, rexístrase un aumento na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 16,2 %.

Así, esta taxa sitúase en 83,8 consultas por 100.000 habitantes. Por grupos de idade, a taxa de consultas aumentou en todos con excepción do de maiores de 80 anos, no que permaneceu estable. O grupo coa maior taxa de consultas segue a ser o de 0 a 4 anos con 192,2 consultas por 100.000 habitantes, se ben nesta semana o maior incremento produciuse no grupo de 20 a 59 anos (do 26,1 %).

No que atinxe ás áreas sanitarias, o aumento da taxa de consultas produciuse en todas agás nas da Coruña, Santiago e Ferrol. Destaca o aumento da área sanitaria de Vigo, que é do 84,7 %.

O virus da gripe tipo A segue a ser o predominante e adoita afectar con maior frecuencia á poboación de maior idade. Polo tanto, causa tamén un maior número de hospitalizacións.

En canto aos ingresos hospitalarios, na última semana ingresaron 249 persoas con gripe confirmada, isto é un 6 % menos que na semana anterior (234 ingresos). 

Por grupos de idade a taxa unicamente non aumenta nos grupos de 5 a 19 anos e de 20 a 59 anos. Destaca o incremento observado no grupo de 0 a 4 anos que cuadriplicou o seu valor e pasa a ser o terceiro grupo coa taxa máis elevada por detrás dos grupos de 60 a 70 anos e de 80 e máis anos. 

Por área sanitaria, a taxa de ingresos aumentou en todas agás nas da Coruña e Ourense onde descendeu un 26,7 % e un 14,1 % respectivamente. Os maiores incrementos producíronse nas áreas de Vigo (46,7 %), Pontevedra (33,6 %) e Ferrol (31,4 %).

No que vai de temporada da gripe notificáronse 1.316 ingresos, a maioría deles con virus tipo A. 

A rede de farmacias sentinela que colabora coa Consellería de Sanidade traslada que na última semana as taxas de dispensación de antigripais e de probas de antíxenos aumentaron un 12,5 % e un 27,4 % respectivamente.

Tendo en conta as previsións técnicas, é probable que na semana próxima se acade o nivel medio de intensidade da onda epidémica. 

Vacinación extraordinaria

A Consellería de Sanidade, para facilitar a prevención das complicacións por infeccións respiratorias, está a convocar de forma extraordinaria máis de 33.000 nenos e nenas de entre 6 meses e 11 anos para vacinarse fronte á gripe os días 5 e 6 deste mes nos 14 hospitais públicos.

Así, nos hospitais comarcais inmunizarase o venres pola tarde de 16 a 20 horas. O resto de hospitais públicos vacinarán o venres neste mesmo horario e, a maiores, na xornada do sábado de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

Desta forma, segue a recomendarse o uso da máscara aínda que non se teñan síntomas cando se acude a centros de saúde, a puntos de atención continuada e ás urxencias hospitalarias.

En canto ao resto de estancias dos hospitais, a recomendación do uso da máscara mantense nos servizos que atendan pacientes vulnerables, como son as unidades de coidados intensivos e pacientes críticos, unidades de reanimación, de pacientes transplantados, oncolóxicos e hematolóxicos, unidades de diálise e hospitais de día.