Ir o contido principal

A ONDA EPIDÉMICA DE GRIPE MANTENSE EN INTENSIDADE MEDIA CON TENDENCIA DECRECENTE

Imaxe
Máscara_20251226101439.jpg

A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web​, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 15 ao 21 de decembro, que sinala que a actividade gripal en Galicia continúa con intensidade media e con tendencia decrecente. Segundo os datos recollidos polo servizo de vixilancia epidemiolóxica da Dirección Xeral de Saúde Pública, xa se acadou o pico da onda epidémica da gripe. 

Respecto da semana anterior, rexístrase un descenso na taxa de consultas por gripe en atención primaria dun 5 %.

Así, esta taxa sitúase en 103,7 consultas por cada 100.000 habitantes. O grupo coa maior taxa de consultas continúa a ser o de 0 a 4 anos (250,3 consultas por 100.000 habitantes), seguido do de 5 a 19 anos, con 155,4 consultas por 100.000 habitantes.

No que atinxe ás áreas sanitarias, a taxa de consultas foi inferior en todas elas respecto da semana anterior.

En canto aos ingresos hospitalarios, na última semana ingresaron 339 persoas con gripe confirmada, un 12,6 % menos que a pasada semana (387 ingresos). 

O descenso da taxa de ingresos observouse en todos os grupos de idade, sendo moi significativo no grupo de 0 a 4 anos (77,7 %). O grupo de 80 e máis anos representa a taxa de ingresos máis elevada con 63,6 ingresos por 100.000 habitantes, se ben, esta diminuíu un 50 % respecto á semana 50.

Por áreas sanitarias, a taxa de ingresos baixou en todas elas agás na de Santiago de Compostela, onde permaneceu estable, e na de Ourense, onde aumentou un 25,3 %.

No que vai de temporada da gripe notificáronse 2.426 ingresos, a maioría deles con virus tipo A. 

A rede de farmacias sentinela que colabora coa Consellería de Sanidade traslada que na última semana as taxas de dispensa de antigripais e de probas de antíxenos descenderon un 9,6 % e un 5,1 %, respectivamente.

Malia tendencia decrecente, recoméndase o uso da máscara aínda que non se teñan síntomas cando se acude a centros de saúde, aos puntos de atención continuada e ás urxencias hospitalarias.

En canto ao resto de estancias dos hospitais, a recomendación do uso da máscara mantense nos servizos que atendan pacientes vulnerables, como son as unidades de coidados intensivos e pacientes críticos, unidades de reanimación, de pacientes transplantados, oncolóxicos e hematolóxicos, unidades de diálise e hospitais de día.