Ir o contido principal

A REDE GALEGA DE VIXILANCIA DE VECTORES PARTICIPA NUN ESTUDO QUE REVELA A EXPANSIÓN DO MOSQUITO TIGRE E DOUTRAS ESPECIES INVASORAS EN ESPAÑA

Imaxe
Mosquito_tigre_20250905143607.png

Un estudo publicado na revista científica Insects ofrece por vez primeira un mapa municipal da presenza das tres especies de mosquitos invasores en España, resultado de vinte anos de vixilancia. Esta investigación, na que colaboran máis de corenta autores e 33 institucións, inclúe a participación activa da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, así como dos entomólogos da Universidade de Vigo que forman parte da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (Regavivec) xunto a outras entidades sanitarias, académicas e a comunidade cidadá a través da aplicación Mosquito Alert.

Segundo os datos recollidos, desde 2004, un total de 1.813 municipios foron colonizados por algún dos mosquitos invasores: o mosquito tigre (Aedes albopictus), o mosquito da febre amarela (Aedes aegypti) e o mosquito do Xapón (Aedes japonicus). O mosquito tigre, o máis estendido, detectouse en 1.768 municipios, especialmente en áreas con maior densidade de poboación.

En Galicia detectouse por primeira vez a súa presenza no ano 2023 no concello de Moaña, a través, precisamente da aplicación do Mosquito Alert e posteriormente foi confirmada polos expertos entomólogos pertencentes á Regavivec. Nestes momentos existe coñecemento da presenza do mosquito tigre en oito concellos da provincia de Pontevedra: Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Vilaboa, O Porriño, Mos e Bueu.

A novidade deste mapa reside na integración de múltiples fontes de información. Por unha banda, inclúe datos recollidos durante 20 anos de vixilancia de campo mediante mostraxes de ovos, larvas e adultos, levadas a cabo polos autores do estudo, polas comunidades autónomas (entre elas Galicia) e polo Ministerio de Sanidade. 

Por outra banda, incorpora as achegas cidadás: 110.939 observacións enviadas por 33.183 persoas utilizando a app Mosquito Alert, onde as imaxes dos mosquitos son clasificadas por un sistema que combina a rapidez da intelixencia artificial coa precisión dos especialistas. O mapa permite identificar a expansión destas especies e anticipar posibles riscos sanitarios. 

Galicia na vangarda

O estudo subliña que a integración da ciencia cidadá no sistema nacional fortalece a capacidade de resposta ante novas ameazas de saúde pública. Así, Mosquito Alert foi incorporado ao Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control das enfermidades transmitidas por vectores, onde Galicia se sitúa á vangarda na implicación social e profesional, xa que a Consellería de Sanidade asinou no ano 2023 un acordo co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para a colaboración coa plataforma de ciencia cidadá.

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, anima á cidadanía galega a seguir colaborando na identificación destes mosquitos mediante Mosquito Alert, axudando así a reforzar a investigación e as accións preventivas en toda a comunidade e complementando a Rede Galega de Vixilancia de Vectores que está a facer mostraxes de vixilancia entomolóxica en toda a comunidade, dende a súa creación no ano 2017.

Para obter máis información, incluídos todos os informes anuais da vixilancia de mosquitos realizada pola REGAVIVEC pódese consultar a páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública nesta ligazón Red Gallega de Vigilancia de Vectores_Regavivec - Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde​