A XUNTA ADXUDICA POR MÁIS DE 1,7 M€ O SUBMINISTRO DA VACINA INTRANASAL DA GRIPE PARA A SÚA ADMINISTRACIÓN A NENOS DE 2 A 11 ANOS

A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos de Galicia a adxudicación, por un importe de 1.739.250 euros, do subministro da vacina intranasal contra a gripe no marco da campaña da temporada 2025/2026, que desenvolve a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade .
O proceso de contratación, que se realizou por procedemento aberto, garante a dispoñibilidade das doses necesarias para continuar a avanzar na protección da poboación pediátrica fronte á gripe estacional.
Como novidade destacada, na próxima campaña de vacinación a Xunta ampliará a idade dos nenos e nenas que recibirán a vacina intranasal, que pasará de estar dirixida aos menores de 24 a 59 meses a incluír tamén aos de ata 11 anos de idade (inclusive). Esta medida responde ao obxectivo de mellorar a protección fronte á gripe, tanto da poboación infantil como a nivel comunitario.
A vacina intranasal, ademais de ser eficaz e segura, presenta a vantaxe de administrarse sen picada, o que facilita a súa aceptación entre a poboación infantil e as súas familias. Ademais, hai estudos que amosan unha efectividade maior ao estimular o sistema inmunitario a nivel local (mucosa nasal) e efectos protectores fronte a infeccións bacterianas polo estreptococo.
Na tempada anterior, esta vacina estivo dispoñible para nenos e nenas de 24 a 59 meses, acadando unha cobertura neste tramo de idade do 60 %. Un ano máis Galicia destacou a nivel nacional ao acadar os maiores niveis de cobertura de vacinación antigripal en todas os grupos de idade.
Con esta medida, a Xunta segue a traballar para manter Galicia coma referente internacional no ámbito da prevención e co calendario de vacinación máis completo do mundo.
Nesta liña pois, o vindeiro curso ampliarase a vacina intranasal contra a gripe a todos os nenos entre 2 e 11 anos -agora era para rapaces de dous a cinco- e porase en marcha un programa piloto para administrala nos centros educativos, en colaboración das Consellerías de Sanidade e de Educación.
Sanidade lembra á cidadanía a importancia da vacinación antigripal como ferramenta fundamental para protexer aos máis pequenos, reducir a transmisión do virus e previr complicacións graves, especialmente en contextos de circulación doutros virus respiratorios.