A XUNTA AMPLÍA E ESTENDE DESDE ESTE MES OS CRIBADOS DE CANCRO DE MAMA, DE CÉRVIX E DE COLON A TODOS OS CENTROS PENITENCIARIOS DA COMUNIDADE

A Xunta estenderá desde este mes de outubro os programas de detección precoz de cancro de colon e de cérvix aos centros penitenciarios e ampliará o cribado para a detección precoz de cancro de mama para poder chegar a todo o colectivo de mulleres privadas de liberdade.
Así se recolle no informe da Consellería de Sanidade elevado hoxe ao Consello da Xunta no cal se determinan as accións específicas para asegurar á poboación privada de liberdade o dereito á protección da súa saúde.
Deste modo, está previsto distribuír nos cárceres os mesmos dispositivos de autotoma para recollida de mostra fecal que en xeral se envían ao domicilio da poboación albo. A Consellería de Sanidade organizará a posterior remisión ao hospital de referencia para a súa análise. A previsión é analizar 3.600 probas do cribado de cancro colorrectal anualmente.
En canto ao cribado de cérvix, a Xunta apoiará os profesionais do centro cun plan de formación, se é preciso, para que sexa o persoal de enfermaría da prisión quen atenda as mulleres para realizar a recollida de mostra para a posible determinación de virus do papiloma humano (VPH) de alto risco. Os tests remitiranse á unidade de laboratorio do programa, situada no Hospital Universitario Lucus Augusti, para o análise e validación centralizada de resultados. Estímase a realización de 450 probas ao ano para a detección de VPH para o cribado de cancro de colo de útero entre as mulleres privadas de liberdade.
Ademais, a Xunta continuará a coordinación co persoal dos centros penitenciarios a organización dos traslados para que as mulleres privadas de liberdade poidan acudir ás unidades de exploración mamaria do programa de detección precoz de cancro de mama, ampliando este programa co obxectivo de chegar a todo o colectivo de mulleres privadas de liberdade e a previsión de realizar 150 mamografías nas unidades de exploración.
En todos os casos, segundo a persoa teña ou non cobertura na sanidade pública, xestionarase unha posible derivación para realizar probas complementarias, ou ben pola propia Consellería de Sanidade, ou ben directamente polo servizo médico do centro penitenciario.
Esta iniciativa inclúe tamén a planificación da integración dos datos sanitarios na historia clínica electrónica IANUS das persoas con cobertura no Servizo Galego de Saúde e garante o tratamento confidencial da información clínica no caso de persoas sen esta cobertura.
Con esta medida, a Xunta asegura a continuidade asistencial de persoas en situación vulnerable cando se atopan privadas de liberdade. Promóvese, polo tanto, a eliminación de barreiras de acceso ao sistema sanitario e faise efectivo o dereito universal á saúde.
Cancros detectados en estadios iniciais
O programa de detección precoz de cancro con maior participación en toda Galicia é o de mama, que en 2024 chegou ao 84,6 % das mulleres convidadas de 50 a 74 anos.
As mamografías realizadas permitiron detectar o ano pasado preto de 900 cancros. Deles, o 70 % correspóndese con fases precoces ou iniciais e máis do 74 % non presentaron afectación ganglionar ao diagnóstico.
Os resultados do cribado de cancro colorrectal detectaron, só no ano 2024, máis de 250 cancros e preto do 66 % foron identificados en estadios iniciais.
No referido á detección temperá do cancro do cérvix, desde a súa extensión ao conxunto de áreas sanitarias no ano 2023 e ata decembro do ano pasado, a participación efectiva neste cribado acadou o 60 %, diagnosticándose un total de 63 cancros. Do conxunto de lesións detectadas, o 88 % presentaron un estadio I e II.
A Xunta tamén está a desenvolver actualmente programas piloto de cribados de cancro de pulmón e de próstata co obxectivo de avaliar a súa efectividade e a súa posible extensión.