Ir o contido principal

A XUNTA AMPLÍA A TODA GALICIA O PROGRAMA PILOTO DE CRIBADO DE CANCRO DE PULMÓN, TRAS O ÉXITO DUNHA PRIMEIRA FASE NA ÁREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE

Imaxe
pulmon_20251027172506.jpg

A Xunta amplía o programa piloto de cribado de cancro de pulmón a toda Galicia, tras o éxito do programa piloto realizado na Área Sanitaria da Coruña e Cee.

O Consello da Xunta abordou esta mañá un informe en relación coa ampliación, unha decisión que se toma tras avaliar e constatar o éxito do programa piloto levado a cabo. O obxectivo é contrastar a eficacia e o impacto real deste cribado a partir dunha mostra representativa de todo o territorio da Comunidade e con datos de participación real dos candidatos que reúnen os requisitos.

Así, tras avaliar os resultados do programa piloto implementado no centro de saúde do Ventorrillo, o Executivo galego estenderá o proxecto LUNG-GAL a toda a Comunidade co obxectivo de confirmar a eficacia e o impacto real do cribado de cancro de pulmón.

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, comezará este mesmo mes de outubro a enviar os primeiros SMS de invitación para completar unhas enquisas que lle permitirán identificar os candidatos que van participar neste proxecto. 

A Xunta convidará 48.660 persoas de entre 55 e 74 anos a responder unha breve enquisa para coñecer se son fumadoras ou exfumadoras (con menos de 10 anos de abstinencia) e se contan cunha exposición tabáquica de ≥20 paquetes/ano. 

O departamento sanitario galego considera que arredor de 14.598 persoas responderán á enquisa. Así, esta cifra permitiría dispor dunha mostra representativa tanto de zonas urbanas como rurais, de costa e de interior, ademais de poder avaliar a porcentaxe e a participación real dos cidadáns que reúnen os criterios establecidos. 

Dotada cunha partida de 60.405 euros, a ampliación da pilotaxe permitirá avaliar a eficacia clínica do cribado de cancro de pulmón mediante tomografía computerizada de baixa dose (TCBD), o impacto asistencial e de recursos que tería no sistema público, así como o nivel de factibilidade (viabilidade e custo-efectividade) para a súa posible inclusión na carteira de servizos no futuro.

Os obxectivos principais deste programa piloto son a detección de cancros de pulmón en estadios iniciais, a mellora das taxas de supervivencia, o acceso equitativo ao cribado en todas as zonas da Comunidade galega e o reforzo da prevención primaria fronte ao tabaquismo.

Funcionamento e participación no cribado de pulmón

Para a súa posta en marcha, a Consellería de Sanidade enviará un total de 48.660 invitacións (vía SMS) a usuarios dos sistema sanitario público galego con idades comprendidas entre os 55 e os 74 anos. Mediante estas mensaxes, as persoas convidadas poderán acceder á información do proxecto piloto e tamén cubrir a enquisa coa que se determinará a súa idoneidade para participar no programa.

A Xunta espera poder contar con 14.598 participantes que respondan á dita enquisa, tanto fumadores como non fumadores. Entre os fumadores ou exfumadores haberá unha parte que cumpran cos criterios de inclusión e serán invitados a participar neste cribado de cancro de pulmón LUNG-GAL.

A seguir, aqueles que acepten participar serán citados para a realización dunha tomografía computerizada de baixa dose, nalgúns dos hospitais de referencia das sete áreas sanitarias galegas. A previsión é que estas probas tomográficas se realicen durante o primeiro semestre de 2026.

A ampliación da pilotaxe a nivel autonómico garantirá unha avaliación sólida, dentro do marco dun programa de investigación que xa situou Galicia como a primeira comunidade autónoma que testou a detección precoz do cancro de pulmón. 

O cribado no Ventorrillo, unha pilotaxe de éxito e pioneira

No ano 2024, a Consellería de Sanidade puxo en marcha o primeiro piloto estatal (LUNG-GAL) no centro de saúde do Ventorrillo (A Coruña), cuxos destinatarios foron as persoas de 55 a 74 anos -fumadoras ou exfumadoras- e cunha carga tabáquica elevada. 

A pilotaxe realizada contou cunha taxa de participación moi alta, do 72,2 %, e das preto de 400 persoas que cumprían cos criterios establecidos e que foron invitadas a participar no proxecto, 273 acudiron á realización dos TAC de baixa dose.

Esta probas permitiron clasificar o 7,4 % dos casos como sospeitosos con indicación de derivación a vía rápida de cancro de pulmón, e tamén a detección de 5 casos de cancro de pulmón confirmados (60 % en fase inicial). Así mesmo, a realización destas probas posibilitou diferentes achados clínicos adicionais en preto dun terzo das persoas cribadas.

O pasado ano, un total de 3.080 persoas foron tratadas polo sistema sanitario público galego para deixar de fumar.

Detectar as enfermidades oncolóxicas nas fases iniciais aumenta de maneira decisiva as posibilidades de supervivencia e os tratamentos curativos dispoñibles. 

A Xunta mantén o seu compromiso na loita contra o cancro ampliando os recursos de prevención, diagnóstico e tratamento do sistema sanitario público galego.