A XUNTA AVALÍA AS PRIMEIRAS SOLICITUDES DE VÍTIMAS DO AMIANTO PARA IMPULSAR O COBRO DAS INDEMNIZACIÓNS AOS PACIENTES DE PATOLOXÍAS RELACIONADAS CO ASBESTO
A Xunta avaliou os primeiros expedientes de peticións de certificados presentados por persoas afectadas pola exposición ao amianto e que son necesarios para cumprir o procedemento de solicitude de indemnizacións establecido polo Estado.
Para iso, o Goberno galego creou o equipo de valoración de vítimas do amianto (EVVA), constituído pola Dirección Xeral de Saúde Pública, a Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios, o Servizo de Ordenación de Profesionais Sanitarios e Recursos Asistenciais do Servizo Galego de Saúde, o Servizo de Pneumoloxía da Área Sanitaria de Ferrol e o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.
Este equipo créase para dar resposta ás peticións do certificado de patoloxías derivadas desta exposición reguladas no Real Decreto 483/2025, do 17 de xuño, polo que se establecen os requisitos e se regula o procedemento para recoñecer o dereito á compensación económica para as vítimas do amianto, que entrou en vigor o pasado mes de setembro.
A indemnización, neste momento, só será aboada especificamente aos afectados que teñan recoñecida unha incapacidade permanente como consecuencia da exposición ao amianto. O pago ao resto de potenciais beneficiarios queda condicionado aos efectos que determinen as sucesivas leis de orzamentos xerais do Estado.
Para conseguir esta compensación económica as persoas beneficiarias deben, en primeiro lugar, solicitar o certificado ao equipo de valoración de vítimas do amianto. Unha vez obtido, deben solicitar a prestación económica no Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) correspondente para a súa tramitación.
A Consellería de Sanidade ofrece na súa páxina web máis información sobre este procedemento, así como o formulario e o consentimento informado.