Ir o contido principal

A XUNTA CELEBRA A IV EDICIÓN DO CURSO DE CAZADORES CON FORMACIÓN ORGANIZADO POLA ESCOLA GALEGA DE SAÚDE PÚBLICA

Imaxe
20251205_Xunta_Curso_persoa_cazadora3_20251205120453.jpg

As Consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático, do Medio Rural e de Sanidade da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Caza, celebraron hoxe a cuarta edición do Curso de persoa cazadora con formación, organizado pola Escola Galega de Saúde Pública.

O obxectivo do curso, celebrado no salón de actos da Consellería de Sanidade, é obter a credencial que acredite a disposición dos coñecementos para realizar in situ o control sanitario e de hixiene das pezas de caza silvestre abatidas para seren destinadas ao consumo humano, así como do control de subprodutos animais non destinados ao consumo humano e de sanidade animal, na práctica cinexética de caza maior.

De forma xeral, para garantir a seguridade da caza silvestre posta no mercado, os corpos dos animais cazados e as súas vísceras deben ser enviados a un establecemento de manipulación de caza para a realización da inspección postmortem oficial de saúde pública. 

Non obstante, desde a publicación do Decreto 28/2021, do 21 de xaneiro, polo que se adoptan medidas sobre a subministración directa da caza maior silvestre abatida na Comunidade Autónoma de Galicia, a práctica da cesión por parte dos cazadores a consumidores locais de pequenas cantidades de carne de caza constitúe unha actividade que se configura como unha excepción ao réxime xeral de comercialización da caza.

Mellora da seguridade alimentaria

Con este curso, preténdese que os cazadores teñan a formación para proceder a realizar este primeiro exame sobre o terreo. O seu coñecemento como cazador, unido á formación en saúde pública e de hixiene, van mellorar a seguridade alimentaria para o consumidor de carne de caza, xa que se minimiza o risco potencial de transmisión de enfermidades, en especial a triquinose.

Por outra banda, o Real Decreto 50/2018, do 2 de febreiro, de aplicación a todas as modalidades cinexéticas de caza maior colectiva que se celebren en todo o territorio nacional -entendéndose como tales aquelas nas que o número de postos é superior a 40 ou o número de pezas abatidas superior a 20 por xornada de caza-, establece tamén a figura do cazador con formación específica en sanidade animal.

Así, os brotes de enfermidades tamén poderían ter un impacto negativo no medio ambiente e a sanidade animal en animais domésticos e fauna silvestre, non só polos problemas de eliminación de subprodutos que suscitan, senón tamén polas súas consecuencias para a biodiversidade.

Igualmente, e dada a transcendencia da detección dos casos de peste porcina africana en xabarís en Cataluña, na xornada abordaranse os principais factores de risco na actividade cinexética para a transmisión da enfermidade, así como as medidas de bioseguridade que deben tomarse en todas as tarefas e movementos dos cazadores.