A XUNTA CELEBRA MAÑÁ UNHA XORNADA DE LECER DIXITAL EN FAMILIA PARA FOMENTAR O USO RESPONSABLE DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

A Xunta celebrará mañá sábado, no Multiusos Fontes de Sar de Santiago de Compostela, a Xornada de benestar dixital familiar, coa que se pretende fomentar a convivencia saudable coas pantallas e cos dispositivos electrónicos dentro das unidades familiares e promover hábitos axeitados na contorna dixital.
A xornada de lecer dixital, impulsada pola Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, remarca a importancia de establecer un equilibrio entre as actividades dixitais e o tempo en familia; fomentar a busca de contidos educativos e de entretemento que acheguen valor e, tamén, definir unhas pautas de conduta dixital na que os adultos sexan modelos de comportamento para os nenos.
O evento estenderase desde as 12,00 horas ata as 20,00 horas e está deseñado para que poidan participar todos os integrantes da familia. Neste senso, vertebrarase ao redor de catro eixes de actividades.
Por unha banda, celebrarase un Torneo de Mario Kart no que pais e fillos participarán nun pequeno campionato interxeracional. Ademais, artellarase un obradoiro no que se proporcionarán pautas e ferramentas sobre os contidos axeitados para cada franxa de idade.
A terceira das actividades consistirá en sesións que mesturarán lecer tradicional con sesións de lecer dixital, ao fin de conxugar ambos entretementos na vida cotiá. Finalmente, desenvolverase un obradoiro no que se presentarán as últimas tendencias do lecer dixital e os vindeiros retos tecnolóxicos: realidade virtual, intelixencia artificial, etc.
Xunto co anterior, o evento contará con actividades formativas, habilitándose espazos de lecer e outras experiencias dixitais, na procura de xerar un ambiente máis ameno e distendido.
Participación gratuíta
A participación no evento é de balde e non precisa de inscrición previa. As familias que desexen participar, simplemente deberán achegarse ata o Hall do Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela.
Unha vez alí, completarán un formulario -mediante un código QR-, para recompilar a información sobre os seus hábitos dixitais e os seus datos persoais, co propósito de xerar unha base de datos e así realizar un seguimento posterior da implementación do plan.
Estes cuestionarios recolleranse tanto en formato físico como por correo electrónico, e almacenaranse nunha base de datos para realizar un seguimento ás catro semanas. Deste xeito, avaliaranse as novas actitudes adoptadas pola familia e o seu impacto en cada núcleo familiar.
A Consellería de Sanidade ten previsto estender a celebración desta xornada de lecer familiar e dixital a outras localidades.