Ir o contido principal

A XUNTA CELEBRA A ÚLTIMA REUNIÓN DO ANO DO COMITÉ TÉCNICO DO MOSQUITO TIGRE E DESTACA A COLABORACIÓN CIDADÁ A TRAVÉS DA APP MOSQUITO ALERT

Imaxe
20251206_comité_técnico_mosquito_tigre_20251206103311.jpeg

A Consellería de Sanidade acolleu esta semana a última reunión de 2025 do comité técnico interdepartamental do mosquito tigre, do que forman parte tamén a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, os Concellos implicados, a Deputación de Pontevedra, o departamento de Sanidade Exterior e entomólogos das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

Na xuntanza, que tamén contou coa participación de representantes da área sanitaria de Vigo e da de Pontevedra e O Salnés e do departamento territorial de Sanidade, resaltouse a importancia de manter á cidadanía informada con respecto á prevención do mosquito tigre e tamén se recalcou a implicación activa que está a ter a cidadanía a través da aplicación de ciencia cidadá Mosquito Alert.

Por medio desta APP, veciños dos concellos implicados están a achegar fotografías de mosquitos, que no caso de seren compatibles co mosquito tigre, son confirmadas ou descartadas, tras visita presencial dos profesionais entomólogos da Universidade de Vigo que pertencen á Rede Galega de Vixilancia de Vectores (Regavivec). 

Entre as medidas que se manterán en 2026, está continuar cunha rede sentinela de trampeo co fin de detectar de forma temperá a actividade do mosquito tigre.

No presente ano incorporáronse ao comité técnico os concellos de Salvaterra de Miño, Ponteareas, Poio, Tui, Bueu, O Porriño e Mos, nos cales se detectou por primeira vez a presenza do vector. Únense a Cangas, Moaña, Redondela, Vilaboa e Vigo.

Consellos para a veciñanza

A maneira máis efectiva de evitar a proliferación deste insecto é impedir a posta de ovos e o crecemento das larvas con pautas sinxelas como eliminar puntos de auga estancada en bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións co seu simple baleirado ou coa renovación da auga cada 4-5 días.

O mosquito tigre é vector de enfermidades como son o dengue, chikungunya ou Zika.

Para evitar as picaduras do mosquito tigre aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden atopar nas listaxes de produtos autorizados, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns largos e calzado pechado ou colocar mosquiteiros en portas e ventás. As picaduras poden ser molestas e, nalgún caso, poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.

Toda a información está dispoñible na seguinte ligazón da Dirección Xeral de Saúde Publica: 

Mosquito tigre (Aedes albopictus) - Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde