Ir o contido principal

A XUNTA E A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO COLABORARÁN NUN PROXECTO DE INVESTIGACIÓN PARA A VIXILANCIA DO CONSUMO DE DROGAS A TRAVÉS DAS AUGAS RESIDUAIS

Imaxe
Consello_Xunta_20251006162958.png

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que a Xunta “vai poñer en marcha un proxecto pioneiro para detectar o consumo de drogas a través da análise das augas residuais da comunidade”. O obxectivo é reforzar a estratexia de prevención de adiccións e detectar canto antes novos patróns de consumo para “actuar a nivel de saúde pública”.

O proxecto levarase a cabo mediante un convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, Augas de Galicia –dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático- e a USC e contará cun orzamento de 50.000 euros. 

A análise de augas residuais é un instrumento innovador, xa empregado a nivel europeo, e que achega información complementaria e anónima, cubrindo amplas poboacións. Ademais, é unha ferramenta anónima, obxectiva e que ofrece resultados rápidos que complementan outros indicadores epidemiolóxicos.

Tal e como explicou o conselleiro, este análise non só “ofrecerá datos sobre o consumo de certas substancias en tempo real” senón que “permitirá detectar a entrada de novas drogas emerxentes” na comunidade. A aparición constante de novas substancias psicoactivas e a ameaza dos opioides sintéticos como o fentanilo, de alta potencia e gran risco adictivo, obrigan a mellorar os sistemas de detección temperá.

Para o desenvolvemento das actividades, realizaranse dúas campañas de recollida de mostras e posterior análise durante dúas semanas ao ano en cinco estacións depuradoras de augas residuais – Tui, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela-, nas que se medirá a presenza de cocaína, cannabis, fentanilo e outras drogas.

O organismo Augas de Galicia cooperará co persoal investigador na recollida de mostras nesas estacións depuradoras, pertencentes á súa rede.

A Universidade de Santiago proporcionará o espazo físico e os medios materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades de investigación, ademais de achegar os profesionais cualificados e especializados. Así, os investigadores da USC aplicarán técnicas avanzadas de cromatografía e espectrometría de masas para analizar drogas en augas residuais.