A XUNTA E A USC ALÍANSE PARA DETECTAR DROGAS NAS AUGAS RESIDUAIS EN CINCO DEPURADORAS CO FIN DE ESTUDAR PATRÓNS DE CONSUMO E IDENTIFICAR NOVAS SUBSTANCIAS

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela cooperarán para detectar drogas nas augas residuais nas depuradoras de Ourense, Pontevedra, Lugo, Santiago de Compostela e Guillarei (Tui), co obxecto de identificar patróns de consumo e novas substancias e, deste xeito, adaptar as políticas sanitarias para contribuír a mellorar a saúde da cidadanía galega.
O edificio administrativo de San Lázaro acolleu hoxe o acto de sinatura dun convenio de colaboración por parte do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López. No acto tamén estivo presente o director de Augas de Galicia, Roi Fernández.
Tal e como sinalou Gómez Caamaño, este é un proxecto pioneiro que reafirma o compromiso da Xunta na loita contra as drogas como un problema social e de saúde pública.
O Executivo galego quere abordar esta problemática dende unha perspectiva integral, axudando ás persoas con adicción e ás súas familias, facilitando a recuperación da súa saúde e a súa reinserción social e laboral e, sobre todo, incidindo na prevención como o camiño máis eficaz.
Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reiterou a relevancia da colaboración entre os departamentos autonómicos e a Universidade de Santiago e, nomeadamente, sinalou que Augas de Galicia dá apoio ao persoal investigador na recollida de mostras na EDAR pertencente á súa rede.
Tamén expresou a conselleira que, mediante a análise das augas residuais, se obtén información sobre o consumo de substancias nocivas que servirá para adoptar decisións.
Financiamento e ampliación dos estudos
Gómez Caamaño detallou que o convenio permitirá medir a presenza dunhas dez substancias, entre elas cocaína, cánnabis e fentanilo, mediante a análise de augas residuais, con cinco puntos de medición, escollendo as depuradoras sobre a base do tamaño da poboación á que prestan servizo, permitindo obter información das distintas provincias galegas.
A Xunta establece unha nova rede sentinela de saúde pública que será capaz de detectar o aumento destas substancias, así como novos patróns de consumo ou a entrada de novas drogas, o que permitirá á Consellería de Sanidade anticiparse para adecuar as políticas sanitarias e preventivas.
O conselleiro de Sanidade referiu que esta iniciativa conta cun investimento por parte da Xunta de 50.000 euros, cos que se financiarán as investigacións e se difundirá a información, sobre recursos, medios e outros programas de interese.
Tamén subliñou que, en función dos resultados, se estudará a posibilidade de incorporar outras estacións depuradoras para darlle continuidade a esta medida.
O titular da carteira sanitaria agradeceu a implicación da USC que pon a súa capacidade científica ao servizo da protección da saúde, proporcionando o espazo físico e os profesionais altamente cualificados que farán as investigacións.
Xunto ao anterior, puxo en valor a cooperación fundamental de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co persoal investigador na recollida das mostras, o que posibilitará obter datos fiables cos que poñer en marcha programas de prevención.
Recollida de mostras
A investigación vai ser capaz de cubrir unha ampla poboación e producir resultados en pouco tempo. No mes de maio xa se recolleron mostras nas estacións depuradoras de Santiago de Compostela, Ourense, Lugo e Guillarei, e a intención é avanzar nunha segunda toma incluíndo a estación de Pontevedra, co obxectivo de elaborar un informe antes de fin de ano.
Para rematar a súa intervención, o titular da carteira sanitaria dixo que os resultados compararanse con outras fontes e estableceranse patróns de consumo para ver se é necesario intensificar as medidas preventivas e de sensibilización cidadá e celebrou a materialización deste acordo que simboliza a cooperación entre administracións.