Ir o contido principal

A XUNTA IMPULSA UN PROXECTO DE ANÁLISE MOLECULAR APLICADA Á VIXILANCIA AMBIENTAL E EPIDEMIOLÓXICA DA LEXIONELA CO OBXECTIVO DE AVALIAR A SÚA INCIDENCIA EN GALICIA

Imaxe
Consello_Xunta_20251201143914_20251222172328.png
 

​O Consello da Xunta autorizou esta mañá un novo convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, o Centro Singular de Investigacións en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS-USC) e a Fundación Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, para desenvolver un proxecto que permitirá coñecer a incidencia da lexionela na nosa comunidade, así como o xenotipado e orixe das cepas ambientais e clínicas desta bacteria.

O Goberno galego destinará unha partida de 18.150 euros a unha iniciativa que ten por obxecto promover a creación dunha ferramenta única que permita compartir en tempo real os resultados da secuenciación xenómica e a xeolocalización deste microorganismo patóxeno.

Neste senso, ademais de facilitar a trazabilidade da orixe dos patóxenos -tanto en abrochos como en casos illados-, posibilitará avanzar na súa investigación, especialmente mediante o uso do "Big Data", e mesmo anticiparse á aparición de eventos determinantes para a saúde, como o estudo de xenes de resistencia a antimicrobianos ou a detección de xenes de virulencia. 

Inserido nas denominadas estratexias One Health, a vixilancia da lexionelose permitirá conformar un repositorio de datos, e que profesionais de diversos ámbitos poidan compartir a información xénica e epidemiolóxica.

Para isto, a Universidade de Santiago de Compostela, analizará a través do CITIUS, os requirimentos proporcionados polo persoal dos Servizos de Microbioloxía do Servizo Galego de Saúde e do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, para posteriormente aloxar os resultados das secuencias xenómicas nun repositorio accesible. Así mesmo, tamén deseñará un portal web, que permita acceder ás diferentes funcionalidades e automatizar completamente o proceso de análise bioinformática.

Pola súa banda, a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, realizará a comparación a nivel xenómico dos secuenciotipos de Legionella pneumophila serogrupo 1-14 en Galicia procedentes de illados de mostras ambientais e clínicas. Ademais, establecerá a concentración mínima inhibitoria dos antibióticos de uso clínico fronte a estes serotipos e identificará mediante unha análise panxenómica marcadores xenómicos de Legionella pneumophila serogrupo 1.

Con este proxecto, a Xunta incrementa a capacidade de xestión e a vixilancia ambiental e epidemiolóxica das enfermidades infecciosas tanto en casos illados como en abrochos. Ademais, con este piloto avaliarase a posible aplicación deste modelo a outros organismos patóxenos responsables de toxinfeccións alimentarias como poden ser a Salmonella enterica, a Listeria monocytogenes, o Escherichia coli, o Campylobacter jejuni ou o Norovirus para así dar cumprimento a normativa europea e constituír unha Base da datos xenómicos de microorganismos patóxenos dentro da nosa comunidade.​