Ir o contido principal

A XUNTA INCREMENTA ATA OS 48,2 MILLÓNS DE EUROS O ORZAMENTO EN VACINACIÓN EN 2026, O QUE SUPÓN UNHA SUBA DE MÁIS DO 17 %

Imaxe
20251018_Conselleiro_Sanidade_Xornada_Vacinas1_20251018104814.jpeg

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, adiantou hoxe que nos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano se incrementará a partida destinada a vacinación máis dun 17 %, acadando os 42,8 millóns de euros, o que supón 7,2 millóns máis que en 2025.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado da directora do Centro galego para o control e prevención de enfermidades (Cegace), Marta Piñeiro, interveu no acto de inauguración da XXVI Xornada central de formación en vacinas, que organiza a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Neste foro, o conselleiro remarcou que esta suba orzamentaria en vacinas vai posibilitar que a Xunta reforce, sobre todo, a protección dun dos grupos máis vulnerables, o das persoas maiores, a través de distintas estratexias que se desenvolverán para aumentar as coberturas de vacinación en adultos.

Na súa intervención no acto, Gómez Caamaño puxo en valor que Galicia ten o calendario de inmunización ao longo de toda a vida máis completo de España, recoñecido tamén a nivel internacional pola introdución de novas vacinas e indicacións, ademais de pola capacidade de innovación en xestión e investigación.

Campaña de vacinación e outras iniciativas

O responsable da sanidade pública incidiu en que o pasado mes de setembro comezou a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid que inclúe, entre outras novidades, a ampliación da vacinación fronte á gripe na poboación infantil ata os 11 anos, a inmunización coa vacina intranasal aos nenos e nenas de entre 2 e 11 anos e un proxecto piloto de vacinación nos colexios nos que participan 55 centros de toda a comunidade e que está a ter boa acollida, xa que ata o momento ao redor do 50-55 % dos nenos e nenas chamados a vacinarse nos colexios están a participar.

Tamén destacou o conselleiro o ensaio clínico GALFLU, no que participaron 135.000 galegos e que foi posible grazas á colaboración do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago. O conselleiro referiu que, sobre a evidencia deste estudo, a Xunta ampliou a administración da vacina de alta carga fronte á gripe a partir dos 70 anos, que ata o de agora se administraba aos maiores de 80.

Xunto ao anterior, Gómez Caamaño subliñou os novos enfoques da Xunta na compra de vacinas, concretamente o acordo de risco compartido, unha modalidade pioneira a nivel mundial baseada nos resultados en saúde.

Na súas verbas, o responsable da sanidade pública galega puxo en valor os resultados da campaña antigripal do pasado ano, que obtivo unha das mellores coberturas a nivel nacional, cun 71 % en maiores de 65 anos e preto dun 66 % nos nenos de 6 meses a 5 anos.

Na xornada tamén se aborda o poder das vacinas frontes ás enfermidades de transmisión sexual. Ao respecto, o conselleiro dixo que a Xunta está a dar grandes pasos neste ámbito coa incorporación da protección fronte ao meningococo B, que igualmente proporciona cobertura cruzada fronte ao gonococo, sendo Galicia a primeira comunidade en incorporar esta medida ao calendario de vacinación.

A xornada será clausurada logo dunha conferencia sobre os 50 anos do calendario de vacinación, que imparte Jaime Jesús Pérez Martín, presidente da Asociación Española de Vacinoloxía.