A XUNTA INCREMENTARÁ EN 2026 EN MÁIS DUN 11 % O ORZAMENTO DESTINADO A PROGRAMAS DE CRIBADOS, ACADANDO OS 3,17 M€

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que nos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano a partida destinada aos programas de cribados incrementarase un 11,39 %, ata acadar os 3,17 millóns de euros.
Gómez Caamaño puxo en valor que Galicia conta cunha rede propia de cribados, con indicadores de calidade asistencial e sistemas de información actualizados, coordinados pola Dirección Xeral de Saúde Pública, o que garante un trato homoxéneo a todos os pacientes e un seguimento constante dos resultados. Lamentou, ademais, a irresponsabilidade do Ministerio de Sanidade ao intentar poñer baixo sospeita procedementos sanitarios acreditados.
O titular da carteira sanitaria da Xunta detallou no Parlamento os resultados do Programa de cribado de cancro de mama desde a súa posta en marcha hai xa máis de 30 anos e remarcou que o Executivo galego está plenamente comprometido cos cribados e con todas as iniciativas encamiñadas á detección precoz e á prevención do cancro.
O conselleiro referiu que desde o inicio do Programa de cribado de mama, no ano 1992, e ata decembro do pasado ano, cursáronse máis de 4,4 millóns de invitacións ás mulleres galegas e realizáronse máis de 3,5 millóns de exploracións, cunha participación do 80 %. Esta participación chegou a preto do 85 % no 2024.
Estas elevadas cotas de participación sitúan o programa galego por riba dos estándares nacionais e internacionais marcados pola Unión Europea.
En Galicia faise unha análise dos resultados en saúde obtidos a través do Rexistro galego de tumores. Nesta análise, ponse de manifesto que a supervivencia ao cancro de mama, aos cinco anos do diagnóstico, para as mulleres que non participan no programa é do 88,6 %, e para as que participan no mesmo chega ata o 97,8 %.
Tamén detallou o conselleiro a mellora constante do programa desde a súa posta en marcha, contando na actualidade con 24 unidades de exploración mamográfica, tres unidades de avaliación radiolóxica e 14 unidades de diagnóstico e tratamento.
Novos obxectivos e publicación anual dos informes
O conselleiro sinalou que os bos datos obtidos polo Programa galego de cribado de cancro de mama fan que a Consellería de Sanidade continúe a melloralo con medidas como a dixitalización da citación mediante SMS; a incorporación da intelixencia artificial para a axuda diagnóstica e a avaliación de resultados; ou mediante a ampliación do rango de idade dos 70 aos 74 anos.
Esta ampliación do programa permitiu examinar a máis de 64.000 mulleres ata finais de 2024, detectando 456 cancros neste grupo de idade.
Gómez Caamaño incidiu na aposta da Xunta pola prevención das enfermidades, no que tantos anos leva traballando, e que fai que o departamento sanitario galego sexa referente a nivel mundial, actuando con rigor e transparencia.
Ao respecto, a Consellería de Sanidade seguirá a publicar os informes anuais sobre os procedementos e resultados dos cribados, garantindo a mellor calidade asistencial para todas e todos os participantes nos mesmos.
A detección temperá -concluíu o conselleiro- é a mellor maneira de abordar as enfermidades, incrementando a atención e evitando secuelas máis graves á poboación e, en consecuencia, non escatimando nin esforzos nin investimentos nesta materia, posto que unha boa prevención é garantía de saúde futura.