Ir o contido principal

A XUNTA INICIARÁ EN OUTUBRO O PROGRAMA PILOTO DE VACINACIÓN FRONTE Á GRIPE POR VÍA INTRANASAL NOS COLEXIOS QUE CHEGARÁ A 19.000 NENOS DE 3 A 11 ANOS

Imaxe
250922_Pte_Empr_Consello_RP_DCS_05_20250922172537.jpg

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a partir do vindeiro 13 de outubro arrancará “un programa piloto de vacinación fronte á gripe por vía intranasal en centros educativos” que busca chegar “a 19.000 nenos de entre 3 e 11 anos de 55 colexios galegos”. Trátase dunha iniciativa conxunta das consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidade e FP que ten o obxectivo de seguir consolidando “a posición dianteira que ten Galicia” en materia de prevención ao contar “co calendario de vacinación máis completo do mundo”.

Tal e como explicou o titular do Goberno galego, nos colexios seleccionados e de forma voluntaria aos alumnos de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria.  O obxectivo “é acadar unha cobertura do 70%” entre os nados entre 2014 e 2022, é dicir entre 3 e 11 anos, matriculados nos centros incluídos no programa piloto. En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.

O feito de que se aplique a vacina fronte á gripe por vía intranasal, que evita o pinchazo, facilita a loxística da actuación. Para iso, segundo salientou Rueda, “equipos de enfermería das sete áreas sanitarias desprazaranse aos colexios participantes” para a administración da vacina intranasal nas propias instalacións dos centros.

A finalidade última, de acordo coa campaña xeral de inmunización fronte á gripe, é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas deste virus na poboación infantil, tentando minimizar o impacto na saúde deles mesmos, das súas familias e de toda a poboación, mediante a prevención coa rotura da cadea de transmisión. 

As Consellerías de Sanidade e de Educación informarán aos centros participantes e ás familias dos detalles do programa e da importancia da vacinación antigripal.  Para iso, este mesmo mércores celebrarase unha reunión por videoconferencia cos responsables dos centros escolares seleccionados para explicar os obxectivos do programa e o protocolo que se seguirá. 

Ademais, en cada un dos centros participantes organizaranse reunións coas familias e co equipo de enfermería para informar, resolver dúbidas e entregar a folla informativa e a autorización para a vacinación. As familias deberán asinar o consentimento para a vacinación do seu fillo e entregala no centro. Antes de proceder á inmunización, os equipos de enfermería recompilarán a información sobre a historia clínica dos rapaces autorizados a recibir a vacina intranasal fronte á gripe. 

55 centros escolares seleccionados

O piloto realizarase nun total de 55 centros, seleccionados para acadar unha representatividade dos estratos urbanos, semiurbanos e rurais das catro provincias, distribuídos segundo as áreas sanitarias. En concreto, 9 centros pertencen á área sanitaria da Coruña e Cee; 2 á área sanitaria de Ferrol; 9 á area sanitaria de Lugo, Monforte de Lemos e A Mariña; 10 á área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 6 da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés; 8 da área sanitaria de Vigo; e 11 da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. 

Centros educativos seleccionados da área sanitaria da Coruña e Cee: CEIP Eusebio da Guarda, CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cerviño, CEIP Raquel Camacho e CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña); CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha); CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos); CEIP Fogar (Carballo); CPR Plurilingüe Andaina (Culleredo); e CPR Plurilingüe Hijas de Cristo Rey (Oleiros). 

Na área sanitaria de Ferrol os centros educativos participantes no programa son o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, ambos no concello de Ferrol. 

Colexios pertencentes á área sanitaria de Lugo, Monforte de Lemos e A Mariña: CEIP Plurilingüe Vista Alegre (Burela); CPI Plurilingüe Virxe do Monte (Cospeito); CPI Plurilingüe Dr. López Suárez (Friol); CEIP Plurilingüe Lagostelle (Guitiriz); CEIP Luís Pimentel e CPR Plurilingüe San José (Lugo); CPR Plurilingüe Nuestra Señora de la Asunción (Sarria); EEI Vilalba (Vilalba); e CPR Plurilingüe Landro (Viveiro).  

Centros seleccionados na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras: CPR Pablo VI Fátima (A Rúa); CPI Plurilingüe Antonio Faílde (Coles); CPI Terras de Maside (Maside); CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón (O Carballiño); CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar); CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense); CPR Plurilingüe María Inmaculada (Verín); e CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés os centros escolares que participan no programa piloto son: CPR Sonrisas y Lágrimas (A Illa de Arousa); CEIP San Tomé (Cambados); CEIP A Xunqueira II e EEI Concepción Crespo Rivas (Pontevedra); e CEIP Plurilingüe Arealonga e CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa). 

Na área sanitaria de Vigo os colexios escollidos son: CRA María Zambrano (O Rosal); CPR Plurilingüe Lar (Mos); CRA Raíña Aragonta (Salceda de Caselas);  CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño); e CEIP Plurilingüe García Barbón, CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, CPR Plurilingüe Santiago Apóstol e EEI Vila Laura (Vigo). 

Por último, na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza os colexios participantes no programa piloto de vacinación nos centros escolares son: CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes (A Estrada); EEI do Milladoiro (Ames); CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario (Arzúa); CEIP Xesús Golmar (Lalín); CEIP Plurilingüe O Coto (Negreira); CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Ordes); CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso); CPR Plurilingüe Nosa Señora Inmaculada (Santa Comba); CEIP das Fontiñas e CPR Plurilingüe La Salle (Santiago de Compostela); e CPR Plurilingüe María Inmaculada (Silleda). 

Novidades da campaña de vacinación fronte á gripe 

O programa piloto para a vacinación fronte á gripe por vía intranasal nos centros escolares de Galicia é unha das novidades da campaña de vacinación fronte á gripe deste ano, que se iniciará o 29 de setembro, amplía as proteccións en nenos e maiores e realizarase sen recorrer á habilitación dos grandes recintos.

Destaca a ampliación da idade de vacinación infantil ata os 11 anos, que ademais se realizará por vía intranasal para evitar o pinchazo e coa posta en marcha deste programa piloto de vacinación en 55 centros escolares. Nos maiores, amplíase a administración da vacina antigripal de alta carga para as persoas de 70 a 79 anos, que ata o de agora se administraba a maiores de 80. Ademais a compra desta vacina farase mediante unha modalidade pioneira, o acordo de risco compartido, en función dos resultados.