A XUNTA INVESTIRÁ 22.000 EUROS NO PROGRAMA PILOTO ADESTRAR SEN PANTALLAS, GAÑAR EN SAÚDE, PARA FOMENTAR O USO RESPONSABLE DAS TECNOLOXÍAS ENTRE OS MENORES

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a Consellería de Sanidade e a Fundación galega contra o narcotráfico, para a realización do programa Adestrar sen pantallas, gañar en saúde, unha iniciativa para fomentar o uso responsable das tecnoloxías entre os menores e promover a actividade física como alternativa saudable á que o Executivo galego destinará 22.000 euros.
Tal e como se recolle no convenio autorizado hoxe, o obxectivo é sensibilizar as familias, os nenos e a sociedade sobre os riscos dun uso abusivo das pantallas.
A través desta colaboración apoiaranse aos adestradores e monitores deportivos con formación e materiais específicos, ademais de previr adicións emerxentes como o uso compulsivo de internet, redes sociais ou videoxogos, e tamén se potenciarán habilidades sociais, emocionais e físicas por medio do deporte.
Esta iniciativa, promovida pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, desenvolverase como proxecto piloto en catro concellos: A Estrada, Vilagarcía de Arousa, Cambados e Ribeira, e terá un ano de duración.
Traballarase no ámbito de tres deportes, o fútbol, o baloncesto e a ximnasia, que poderán variar en función daqueles máis practicados en cada localidade, sempre tendo como referente o enfoque de xénero.
O Goberno galego estima que os beneficiarios directos desta medida serán ao redor de 500 mozos de 12-13 anos que practican estes deportes, elevándose o número de beneficiarios indirectos a preto duns 3.000, contando cos familiares e adestradores.
En consecuencia, con este proxecto, a Xunta busca unir esforzos das administracións sanitarias e deportivas, xunto coa sociedade civil (Fundación galega contra o narcotráfico), para abordar o reto actual do uso excesivo de pantallas en menores, por medio do deporte como ferramenta para equilibrar hábitos, mellorar a saúde física e mental e reforzar valores sociais.
A Fundación contra o narcotráfico achegará a súa experiencia en prevención das adicións, apoiada pola Universidade de Santiago de Compostela; a Consellería de Sanidade achegará o financiamento e os coñecementos técnicos; e a Consellería de Presidencia, por medio da súa Secretaría Xeral para o Deporte, promoverá a integración do programa na rede deportiva galega.
Desde o punto de vista científico-técnico, os materiais didácticos e formación deste programa serán desenvolvidos pola Fundación contra o narcotráfico en colaboración co departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Planificación estratéxica
Este proxecto piloto enmárcase no conxunto de actividades que o Goberno galego desenvolve no marco da planificación estratéxica sobre prevención de condutas adictivas, que inclúen tanto actuacións preventivas como medidas lexislativas e de vixilancia.
Así mesmo, complementa outras accións da Xunta como o Proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, agora mesmo en tramitación parlamentaria para a súa aprobación definitiva, e o Plan de prevención de condutas aditivas en Galicia.