Ir o contido principal

​A XUNTA INVISTE MÁIS DE 3,7 M€ NA COMPRA DE VACINAS PARA INMUNIZAR Á POBOACIÓN FRONTE AO VIRUS DO PAPILOMA HUMANO

Imaxe
260223_Pte_Consello_Reuion_DCS_04_20260223143038.jpg
 

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a compra para a subministración sucesiva de vacinas coas que inmunizar á poboación fronte ao virus do papiloma humano (VPH). O Executivo galego investirá 3.794.700 euros na adquisición de vacinas para os anos 2026 e 2027.

Con esta compra o Goberno galego dá continuidade á decisión de vacinar fronte ao VPH tanto a nenas como a nenos aos 12 anos idade. A Xunta adquirirá a vacina nonavalente Gardasil 9.

Desde o ano 2022, o Calendario de Inmunización ao longo de toda a vida inclúe a todos os varóns nados a partir do 1 de xaneiro de 2010, unha medida que contou cun alto grao de aceptación por parte da poboación, segundo se desprende das boas coberturas acadadas ata o ano 2025: o 92,72 % de nenos vacinados nados no 2011; e do 89,47 % en nenos nados no ano 2012. 

Estas coberturas son equiparables ás referidas á vacinación do VPH en mulleres, cuxa vacinación sistemática se estableceu no ano 2008. Así, a cobertura total da poboación sitúase no 92,64 % para nenos e nenas nados no 2011.

A incorporación da vacinación do VPH en varóns permite reducir o risco de infección desta enfermidade transmisible e previble, ademais de potenciar a protección fronte ao cancro de colo uterino nas mulleres por medio da protección de grupo, mantendo o calendario galego na vangarda do territorio nacional.

Así, o programa de vacinación fronte ao virus do papiloma humano foi ampliándose nos últimos anos na poboación masculina, cubrindo primeiro aos mozos de ata 19 anos e logo aos de ata 21 anos. Dese xeito, a día de hoxe a vacinación inclúe de forma sistemá­tica ás mulleres nadas desde 1994 e aos homes a partir do ano 2004.

A Consellería de Sanidade prevé un aumento das coberturas vacinais nos grupos de idade xa establecidos na poboación masculina, en liña coa estratexia de vacinación univer­sal fronte ao VPH. 

O virus do papiloma humano (VPH)

O virus do papiloma humano (VPH) é a infección de transmisión sexual máis común a nivel mundial. A maioría das veces a infección resólvese soa, pero se permanece, é un colaborador imprescindible para o desenvolvemento de cancro de colo de útero, vulva, vaxina, ano, pene, orofarinxe e boca en homes ou mulleres. 

O seu padecemento pode ocasionar discapacidade e diminución da calidade de vida, constituíndo un importante problema de saúde. Así mesmo, o VPH está implicado na xénese das verrugas xenitais que, se ben non son unha enfermidade grave, causan gran morbilidade e xeran un grande impacto sobre a asistencia sanitaria.

A vacinación por calendario de nenos e nenas aos 12 anos (antes do contacto co VPH) repercutirá directamente na saúde dos homes e mulleres galegas en canto a morbi-mortalidade por este virus e ademais terá beneficios indirectos na asistencia sanitaria, evitando consultas de atención primaria e/ou hospitalaria, ingresos e prescricións farmacolóxicas derivadas do padecemento destas patoloxías. 

A vacinación daquelas persoas cun risco maior de padecer esta enfermidade, como persoas ata os 45 anos en prostitución ou homes homosexuais da mesma franxa de idade, complementará a protección global e diminuirá o risco de contaxio.

Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-2030

A Consellería de Sanidade vén de presentar o Plan galego de infeccións de transmisión sexual (Plan SexSan 2026-2030), que inclúe a protección fronte ao virus do papiloma humano. Esta estratexia conta cun orzamento global de 195 millóns de euros e incidirá no diagnóstico, tratamento, prevención e vixilancia epidemiolóxica.

Este plan pioneiro do Goberno galego ten como obxectivo acabar coas infeccións de transmisión sexual como problema de saúde pública de cara ao ano 2030. 

Así, entre as medidas máis salientable do plan destacan: a elaboración dun mapa de recursos que recolla todas as entidades sanitarias e comunitarias relacionadas coa atención da saúde sexual, a realización de cribados oportunistas de diferentes infeccións de transmisión sexual, o facilitar medios de protección como preservativos ou o desenvolvemento de distintas campañas de comunicación. 

O Plan SexSan 2026-2030 aspira a acadar reducións anuais sostidas da incidencia das infeccións de transmisión sexual en Galicia, apoiándose na prevención combinada, o diagnóstico temperán e un seguimento axeitado das infeccións de transmisión sexual.