A XUNTA LEMBRA AS RECOMENDACIÓNS PARA FACER FRONTE Á CALOR ANTE AS TEMPERATURAS ELEVADAS QUE SE AGARDAN ENTRE HOXE E O XOVES EN DIVERSAS ZONAS DE GALICIA

A Xunta lembra as recomendacións á poboación para facer fronte á calor ante as temperaturas elevadas que se agardan entre hoxe e o xoves en diversas zonas de Galicia.
Durante esta semana as altas presións están estacionarias ao norte da península ibérica con circulación do nordés. Con esta posición, o anticiclón achega unha masa de aire cálida procedente do sur da península ibérica e do norte de África que ocasiona un lixeiro aumento das temperaturas no sur de Galicia.
Este aumento das temperaturas polo sur da comunidade deixará máximas durante o día de 30º e 35ºC entre hoxe martes 29 e o xoves 31 na zona das Rías Baixas e no Miño de Pontevedra. Son temperaturas elevadas pero como se agardan mínimas entre 17º e 19ºC non se espera que sexan suficientes para xerar unha alerta por episodio de calor, segundo o protocolo establecido a tal efecto pola Xunta de Galicia.
O venres 1 de agosto chegará unha fronte moi pouco activa polo norte de Galicia permitindo un lixeiro descenso das temperaturas en xeral.
Para máis información, pódese consultar na páxina web da Consellería de Sanidade o documento coas actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posible efectos das altas temperaturas sobre a saúde.
Recomendación xerais para a poboación
As altas temperaturas non afectan a toda a poboación do mesmo xeito, polo que é importante identificar os grupos de risco e ter en conta os efectos que poden influír, como son as condicións de vida, as da vivenda ou os niveis de contaminación ambiental.
Os principais grupos de risco son: persoas maiores de 65 anos e nenos menores de 4 anos, sobre todo os menores dun ano; persoas que padecen patoloxías: enfermidades cardiovasculares, diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, enfermidade de párkinson, enfermidade de alzhéimer ou patoloxías similares, enfermidade psiquiátrica; persoas que tomen determinados fármacos ou tóxicos: fármacos con efecto anticolinérxico, diuréticos, consumo importante de alcol, etc..
Tamén son grupos de risco as persoas maiores que viven soas, as de risco que viven en vivendas mal acondicionadas, as que teñen exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas que pasan varias horas en exteriores.
A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas.
Xunto ao anterior, deberase usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire; permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; durante o día baixar as persianas e abrir as xanelas, abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.
No caso de que se teña que asistir a alguén que padeza esgotamento ou un golpe de calor, o primeiro é solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.
Mentres chega a asistencia, pódese tentar baixar a temperatura do afectado trasladándoo á sombra ou a un lugar fresco e tranquilo, arrefriarlle o corpo, mollar con auga fresca e abanar e hidratar sempre que estea consciente, dándolle pequenos grolos de auga fresca ou bebidas minerais.
Se está inconsciente, cómpre deixalo de lado coas pernas flexionadas e non ofrecerlle líquidos.
Máis información na páxina web da Consellería de Sanidade.