Ir o contido principal

​A XUNTA LICITA POR PRETO DE 65.000 € O SERVIZO DE IMPRESIÓN E MONTAXE DOS MATERIAIS DA CARPETA DE SAÚDE INFANTIL QUE SE ENTREGA COA CESTA BENVIDA

Imaxe
Portal_de_contratos_20251223142807.png
 

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica no Portal de Contratos Públicos de Galicia​, a licitación, por importe de 64.816,07 euros, da contratación do servizo de impresión e montaxe dos materiais da carpeta de saúde infantil durante seis meses. 

O novo modelo de Cesta Benvida, entregado ás familias cun acabado de nacer nos hospitais galegos por parte das Consellerías de Política Social e Igualdade e de Sanidade, engade a nova carpeta “Cóidate-cóidame”, máis práctica e que incide na prevención e diagnóstico temperá de posibles enfermidades.

A nova carpeta inclúe un código QR para que as familias poidan consultar, de xeito permanente, o calendario galego de inmunización ao longo da vida e as súas actualizacións. Este novo formato inclúe as últimas novidades incorporadas ao calendario vacinal, como é o caso da vacina fronte ao Virus Respiratorio Sincitial (VRS),  que sitúa Galicia co programa de vacinación máis completo do mundo.

Xunto con este código QR e a cartilla de vacinación, tamén se achega a documentación e o material necesario para participar no Programa de detección precoz de enfermidades xenéticas, endócrinas e metabólicas. Esta iniciativa permite diagnosticar e tratar enfermidades antes de que os síntomas sexan clinicamente evidentes e sitúa o sistema sanitario galego como líder a nivel estatal.

A sanidade pública galega é quen de detectar de xeito temperá un total de 37 metabolopatías conxénitas primarias e outras 14 de tipo secundario.

O contrato recolle a adquisición de 17.000 cartillas de saúde infantil e 17.000 fichas de datos para o cribado de metalopatías, co seu correspondente folleto informativo. Entre outros materiais, tamén serán adquiridas 20.000 bolsas de papel para conter as tiras reactivas das probas.

No programa de cribado neonatal galego participaron, entre xuño do ano 2000 e decembro de 2024, máis de 476.000 nenos, o que permitiu diagnosticar un total de 705 patoloxías. 

As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 16 de xaneiro de 2026 para presentar as súas ofertas.