A XUNTA PROMOVE A REALIZACIÓN DE EXERCICIO FÍSICO COA ORGANIZACIÓN DAS ANDAINAS CAMIÑA E CONECTA NO DÍA MUNDIAL DA OBESIDADE
Con motivo do Día Mundial da Obesidade, que se celebrará o vindeiro 4 de marzo, a Xunta organizará cinco andainas Camiña e conecta co obxectivo principal de fomentar estilos de vida saudables e combater o sedentarismo entre a poboación galega.
O Servizo de Estilos de Vida e Educación para a Saúde e a Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) da Consellería de Sanidade deseñaron 5 andainas que se desenvolverán o vindeiro mércores en diferentes puntos da comunidade.
Os cinco roteiros percorrerán espazos emblemáticos e naturais das distintas áreas sanitarias. En concreto:
- Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras: artellarase un roteiro de 7 km que partirá ás 10:30 h. desde o Pavillón dos Remedios e rematará no Pazo dos deportes Paco Paz.
- Na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos: a andaina terá un percorrido de 5 quilómetros, transcorrendo pola Muralla da cidade e o seu centro histórico. O punto de saída será a Praza de Ferrol ás 17:00 horas.
- Na área sanitaria da Coruña e Cee percorreranse 5 quilómetros polo paseo fluvial do Acevedo, en Cerceda. A saída da andaina será ás 12:00 horas.
- Na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza: ás 10:30 horas da mañá terá lugar a saída dunha andaina que percorrerá os 6 quilómetros de distancia que separan a explanada marítima de Porto do Son e o Faro de Caveiro.
- Na área sanitaria de Vigo: a Praza do Concello de Redondela será o punto de saída dun roteiro de 3 quilómetros pola senda do río Maceiras (saída ás 10:30 horas).
A participación será aberta ao público xeral e terá carácter gratuíto. Con todo, a Xunta habilitou un espazo web de inscrición para facilitar a xestión loxística e o control de asistencia.
Trátase dunha actividade voluntaria e os menores de idade deberán acudir baixo a supervisión dun adulto responsable. Así mesmo, o desenvolvemento das rutas quedará supeditado ás condicións meteorolóxicas do día 4 de marzo.
Esta acción forma parte da planificación estratéxica para a prevención de enfermidades crónicas e condutas adictivas que promove a Xunta.
Así, a través de actividades comunitarias como Camiña e conecta, búscase que a cidadanía incorpore a actividade física regular como un piar fundamental do seu día a día, ademais de manter unha alimentación equilibrada, unha boa hixiene do sono e o coidado do benestar emocional.