Ir o contido principal

A XUNTA VACINOU MÁIS DE 800.000 GALEGOS FRONTE Á GRIPE DURANTE A CAMPAÑA DE INMUNIZACIÓN DO ANO 2024

Imaxe
250421_Pte_Sanidade_Consello_RP_DCS_05_20250421144910.jpg

A Consellería de Sanidade elevou esta mañá ao Consello da Xunta un informe sobre o balance final da campaña de vacinación fronte á gripe e a Covid-19 correspondente ao ano 2024. O informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública recolle que un total de 800.155 persoas foron protexidas fronte ao virus da gripe e 556.441 foron inmunizadas fronte á Covid-19.

Co obxectivo protexer a poboación galega dos efectos do virus da gripe e da Covid-19, o Executivo galego deseñou unha nova campaña de vacinación que se mantivo activa desde o 23 de setembro ata o 31 de xaneiro de 2025. Inicialmente, a campaña de inmunización estaba prevista ata o 31 de decembro, pero, por mor da circulación sostida do virus na comunidade, decidiuse ampliar un mes máis, ata o 31 de xaneiro.  

Así, tal e como recolle o informe avaliado hoxe polo Consello da Xunta, segundo os resultados recollidos polo Centro Galego para o Control e Prevención de Enfermidades (CEGACE), nesta última campaña de inmunización destaca o éxito de vacinación fronte á gripe dos nenos e nenas galegos, cun importante ascenso na cobertura dos menores con idades comprendidas entre os 6 e os 59 meses. 

A estratexia de vacinación empregada —citación e notificación intensiva vía SMS—, xunto co uso da vía de administración intranasal nos menores de 24 a 59 meses, evitando o pinchazo, favoreceu estes datos.

Neste tramo de idade, a campaña de vacinación acadou unha porcentaxe de cobertura do 65,78 %. Isto supón máis de cinco puntos por enriba do obxectivo establecido (60 %) e mellorar en 10 puntos os resultados da campaña anterior (2023).

Por áreas sanitarias, a de Santiago e Barbanza é a que rexistrou mellor resultado de vacinación no grupo infantil, cun 72,53 % de cobertura vacinal; seguida da área de Ferrol, cun 68,64 %; a da Coruña e Cee, cun 66,86 %; da de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, cun 65,01 %; da de Vigo, cun 63,36 %; da de Pontevedra e O Salnés, cun 61,73 %; e da de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, cun 61,46 %. 

No referido á vacinación da gripe da poboación adulta, a Consellería de Sanidade vacinou o 71,03 % da poboación diana con 65 ou máis anos, unha taxa moi próxima ao 75 % que se fixou como obxectivo que pretende acadar.

Pola súa banda, no que atinxe ás persoas con 80 ou máis anos, o departamento sanitario da Xunta superou o obxectivo de vacinación da gripe neste tramo de idade ao acadar o 80,79 % inmunizacións.

A inmunización das mulleres embarazadas superou o 40,5 % e, no que respecta á inmunización do persoal sanitario, a súa cobertura aproximouse ao 54 %, rexistrando unha taxa do 53,80 %. 

Máis polo miúdo, e respecto das categorías que integran este último colectivo profesional, o persoal médico acadou unha porcentaxe de vacinación do 58,49 %. No caso dos profesionais de enfermería, a cobertura situouse no 50,07 %. Así mesmo, e atendendo aos dous niveis asistenciais da sanidade galega, o 58,97 % dos profesionais da atención primaria decidiron vacinarse fronte á gripe, mentres que, no caso dos centros hospitalarios, a inmunización acadou o 51,66 %.

Na campaña de vacinación da gripe 2024 continuouse coa realización do Estudo GALFLU, un ensaio nsaio clínico pragmático que a Xunta está a implementar para medir a efectividade da vacina de alta carga fronte ás hospitalizacións por complicacións de gripe na poboación de 65 a 79 anos, en comparación coa efectividade da vacina tetravalente convencional. Así, no último exercicio preto de 75.000 galegos aceptaron participar neste estudo, fronte ás 59.000 persoas que o fixeran na campaña anterior.

Esa vacina de alta carga fronte á gripe aplicarase de forma xeneralizada a todos os cidadáns a partir dos 70 anos na vindeira campaña.

As coberturas acadadas nesta campaña de inmunización implican un impacto positivo no conxunto da saúde da cidadanía galega, xa que a protección fronte a unha enfermidade tan prevalente como a gripe permite reducir o número de complicacións, de ingresos e de mortes asociadas a este virus.

Vacinación fronte á Covid-19

Por segundo ano consecutivo, a Consellería de Sanidade desenvolveu conxuntamente as campañas de vacinación antigripal e a inmunización fronte o virus Sars-cov-2, ao estar dirixidas en gran medida aos mesmos grupos de poboación.

Sobre este particular, o número total de doses administradas fronte á Covid-19 acadou a cifra de 556.441 vacinas durante a campaña do 2024.

A cobertura de vacinación das persoas con 60 ou máis anos rexistrou unha taxa de adherencia do 54,52 %, unha porcentaxe que se vai incrementado segundo se acouta e amplía a idade da poboación diana. A poboación con 65 e máis anos achegouse ao 60 % de cobertura (co 59,61 %) e a poboación diana con 80 ou máis anos acadou o 71,39 % de inmunización. 

Desagregado por áreas sanitarias, na vacinación fronte á Covid-19 -grupo etario de 80 e máis anos- destaca a área da Coruña e Cee ao rexistrar o 79,05 % de poboación inmunizada; seguida da área sanitaria de Ferrol, co 75,98 %; da área sanitaria de Santiago e Barbanza, co 74,43 %; da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras co 71,43 %; da área de Pontevedra e O Salnés, co 67,14 %; da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, co 65,9 %; e da área sanidade de Vigo, co 65,03 %.

A Xunta agradece a colaboración e a participación da poboación galega nesta campaña de vacinación. 

Así, Galicia segue a liderar a nivel nacional os datos de cobertura de vacinación fronte á Covid-19, superando en 20 puntos porcentuais a media nacional.