Mortalidade xeral. Tasa axustada
Neste apartado preséntanse datos sobre a mortalidade xeral para a poboación residente en Galicia, achegando unha visión global da mortalidade anual na Comunidade.
Os datos de mortalidade para a poboación residente en Galicia proceden do Instituto Nacional de Estatística (INE) para o período 1980-1986 e do Rexistro de Mortalidade de Galicia dende o ano 1987. Ata 1998 empregouse a 9ª Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE-9) e a partir de 1999 a CIE-10.
As poboacións de Galicia para o período 1980-1997 son estimacións intercensuais o 1 de xaneiro, calculadas na Dirección Xeral de Saúde Pública (DXSP) polo método de Aitkin a partir dos censos de 1981 e 1991 e os padróns de 1986, 1996 e 1998. Para o período que comeza en 1998 tomáronse os datos da Renovación Anual do Padrón, procedentes do Instituto Galego de Estatística (IGE).
A taxa axustada estima o número de mortes por cada 100.000 habitantes que habería na poboación estudada se tivese a distribución por idade da poboación estándar. Como poboación estándar pódese elixir entre o censo de Galicia do ano 2001 e do ano 2011, a poboación europea (2013) ou a poboación mundial (1977).
As taxas axustadas de distintas poboacións pódense comparar, mais os seus valores, fóra dos propósitos da comparación, carecen de significado.