Ir o contido principal

Rexistro Galego de Tumores

O Rexistro Galego de Tumores (REGAT) é un rexistro de base poboacional que identifica e rexistra, de forma exhaustiva e continuada, os tumores novos diagnosticados na poboación residente en Galicia dende o ano 2010.

Proporciona información epidemiolóxica e estatística sobre a incidencia do cancro, a súa supervivencia, mortalidade e prevalencia, por localización anatómica e tipo histolóxico, grupos de idade, sexo ou outras variables que poidan resultar de utilidade en distintas agrupacións xeográficas, e a súa evolución ao longo do tempo.

Segue as normas internacionais de funcionamento dos rexistros de cancro de base poboacional, que comprenden dende a definición dos casos, a codificación, as regras de validación ata a elaboración de resultados. Estas normas aplícanse para garantir a calidade dos datos e a comparabilidade entre os diferentes rexistros poboacionais de todo o mundo.

Finalidades

  • Proporcionar información epidemiolóxica e estatística sobre a incidencia do cancro, a súa supervivencia, mortalidade e prevalencia, por localización anatómica e tipo histolóxico, grupos de idade, sexo ou outras variables que poidan resultar de utilidade en distintas agrupacións xeográficas, e a súa evolución ao longo do tempo.
  • Facilitar a información necesaria para orientar a planificación e xestión sanitaria e a avaliación das actividades preventivas e calidade asistencial no ámbito do cancro.
  • Contribuír á identificación dos grupos de poboación de maior risco de padecer cancro.
  • Apoiar na avaliación dos programas poboacionais de cribado de cancro e outras accións dirixidas á prevención e control.
  • Promover a difusión da información epidemiolóxica relevante para a prevención do cancro, aos profesionais sanitarios, non sanitarios e á poboación xeral, e difundir os resultados de interese a nivel internacional.
  • Colaborar coas institucións españolas, europeas e internacionais para contribuír ao coñecemento da situación do cancro a nivel europeo e mundial.
  • Fomentar a investigación e a formación relacionada co control do cancro, especialmente dos factores determinantes asociados.
     
Imaxe
Rexistro Galego de Tumores (Regat)

Para máis información, pódese consultar o último informe anual do Rexistro Galego de Tumores (REGAT) ou tamén os datos ampliados dos indicadores publicados neste Observatorio.