Un dos retos que ten que afrontar a administración sanitaria no futuro máis inmediato é construír un espazo de intercambio de información veraz, apoiado en redes de aprendizaxe e investigación áxiles e flexibles, capaz de dar visibilidade á evidencia científica en materia de saúde pública, que estea baseada nunha aprendizaxe enfocada ás persoas de diferentes ámbitos profesionais e sociais.
A Escola Galega de Saúde Pública é a encargada de liderar a xeración de coñecemento no ámbito da saúde pública, planificando a formación, fomentando a investigación e innovando nas fórmulas de xestión empregadas na relación cos diferentes axentes sanitarios, económicos e sociais. Todo isto determinará a capacidade de resposta á demanda de servizos de saúde pública por parte dos sistemas sanitarios e sociais, da administración local e do conxunto da cidadanía.
É primordial atraer a excelencia e devolver á cidadanía os resultados en saúde que demanda, acadando unha elevada cualificación técnica e científica dos profesionais con capacidades multidisciplinares, capaz de liderar a xestión do coñecemento.
A través da "Nosa Escola", a escola dos profesionais de saúde pública, establecése o plan de formación para os profesionais de saúde pública de Galicia, a través de dous tipos de formación, a capacitación en competencias básicas en materia de saúde pública e a formación continuada.
A través da “Escola Aberta” facilítanse contidos formativos específicos segundo as necesidades de formación detectadas no persoal das administracións local e autonómica, no persoal de entidades ou empresas públicas e privadas, nos axentes sociais e na cidadanía, que na actualidade non contan cun espazo específico de formación no campo da saúde pública.
Con respecto á “Investigación”, desde a Escola queremos traballar coa premisa de que a visibilidade da ciencia é fundamental para a súa difusión, polo que consideramos preciso dispor dun espazo aberto de intercambio de información e transferencia de coñecemento no que non podemos esquecer á cidadanía. Tamén debemos comunicar para dar valor á Saúde Pública sendo conscientes de que a comunicación debe estar baseada na confianza e no recoñecemento da evidencia científica e técnica da escola.