Ir o contido principal

Diálogos en Saúde Pública

Os Diálogos de Saúde Pública son unha iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública que nace en 2025 co obxectivo de fortalecer a relación entre a Saúde Pública e a Atención Primaria a través de encontros presenciais nos centros de saúde das distintas áreas sanitarias de Galicia.  


Partimos da convicción de que achegar o traballo da saúde pública a quen o aplica cada día na práctica asistencial, e escoitar as súas achegas, é a mellor forma de construír unha colaboración máis próxima e eficaz entre ambos os ámbitos. Por iso, os Diálogos concíbense como un espazo de intercambio, divulgación e actualización técnica no que o coñecemento circula nos dous sentidos.  


En cada sesión, de breve duración e adaptada á dinámica dos centros, profesionais dos servizos da Dirección Xeral de Saúde Pública e dos Departamentos Territoriais presentan programas, estratexias e actuacións relacionadas coa promoción da saúde, a prevención das enfermidades, a vixilancia epidemiolóxica, a saúde ambiental, a seguridade alimentaria e a información e xestión do coñecemento.  


Con este programa queremos favorecer a transferencia de coñecemento, mellorar a coordinación entre os diferentes niveis da organización e contribuír, en definitiva, á calidade dos servizos que prestamos á cidadanía.